Seguindo o camiño iniciado coa cadea humana celebrada en Coia, volvemos a saír á rúa. Da man da parroquia do Cristo da Victoria - Coia e da xente do G.A.S. convocamos un acto de rúa diante do concello de Vigo baixo o lema "VÍTIMAS DO SISTEMA,VÍTIMAS DAS ADMINISTRACIÓNS, VÍTIMAS DA INXUSTIZA. Polo dereito a unha vida digna, polo dereito á nosa humanidade".
No acto representaremos un cemiterio coas vítimas que os diferentes poderes van deixando. O acto será o mércores 19 de decembro a partires das 12h00 na praza do Rei (diante do concello de Vigo). No acto daremos lectura a este texto:
Reunímonos hoxe aquí, ante o Concello de Vigo, a casa de toda a veciñanza da nosa cidade, para lembrar ás vítimas desta crise e denunciar que non se está a apoiar, a acoller, a coidar, a aquelas persoas que peor o están a pasar nestes duros tempos que estamos a vivir.
Atopámonos ante un cemiterio de vítimas da crise e do sistema, si, pero tamén da inoperancia e o desinterese dos nosos representantes: vítimas dunha axuda de emerxencia que nunca chega ou que chega cun atraso insoportable, vítimas das trabas para acceder a unha vivenda digna ou da imposibilidade de conservala nun momento de desafiuzamentos xeneralizados, vítimas das dificultades para percibir á RISGA ou dos atrasos na súa tramitación... e, por todo iso, vítimas da precariedade, do frío, da fame, da soidade, da pobreza...
Denunciamos que non se están a respectar os dereitos sociais máis básicos, os primeiros que deberiamos defender porque son os que nos garanten unha vida digna a todas e a todos. Só cun reparto xusto da nosa riqueza colectiva poderemos aspirar a construír unha comunidade de iguais onde a palabra solidariedade alcance un sentido pleno, onde a igualdade entre as persoas sexa algo máis que un pé de páxina no texto das leis. As administracións local e autonómica non poden seguir xogando a pasarse a pelota uns aos outros coas súas estratexias de desinformación, coas súas marañas burócraticas interminables, coas súas esixencias insoportables: isto non é un xogo, e nós estamos fartas de tanta fartura de gastos inútiles e de tanta miseria de investimentos sociais para quen máis os necesita. Gustarianos que nos respondesen desde o concello a este paradoxo: Por que se humanizan as rúas mentres se deshumaniza ás persoas?
Se o primeiro dereito humano é o dereito á vida, o segundo é o dereito a unha vida digna. Se carecemos deste é como se carecesemos daquel. As administracións públicas, comezando polas máis achegadas a nós, deben garantir con carácter prioritario o dereito a unha vida digna, porque quen non pode gozar dos dereitos máis elementais está a ser desposeído da súa humanidade, está a ser invisibilizado, está a engrosar as filas dos ninguéns que falaba Galeano: “Que non son seres humanos, senón recursos humanos. / Que non teñen cara, senón brazos. / Que non teñen nome, senón número”.
Pois ben: nós queremos proclamar aquí, alto e claro, que eses 'ninguéns' si teñen rostro, si teñen nome, si teñen humanidade. Son os nosos conveciños e conveciñas, somos nós, que nos negamos a agochar a testa e a permanecer calados ante tantas desfeitas. Por iso esiximos agora, diante do concello de Vigo, a casa común, xustiza para todas, porque se as persoas máis empobrecidas non son as primeiras para os nosos representantes xa sabemos onde están os deshumanizados nesta cidade...
Por todos nós, polo noso presente e o noso futuro, máis recursos económicos, máis recursos sociais, máis dereitos para as persoas en situación de precariedade! Por un reparto xusto da nosa riqueza!
Decembro 2012