Xuízo ao Concello de Vigo polo desastre das Axudas de Emerxencia Municipais

Chegamos ao xulgado, a onde queríamos. O 29 de xaneiro de 2015 celebrouse o primeiro xuízo, no Xulgado do Contencioso nº 1 de Vigo, contra o departamento de Benestar Social do Concello de Vigo por mor das Axudas de Emerxencia Social (AEM). Bea, compañeira da ODS-Coia, demandou ao Concello da cidade pola denegación de dúas AEM. Trátase da primeira demanda dunha cidadá en relación coas AEM, pero non será a última: o 18 de febreiro volveremos de novo ao xulgado polo mesmo motivo, a darlle folgos e apoio a outra compañeira que defenderá os seus dereitos perante un tribunal.

Estamos satisfeitas por que o xoves 29 chegamos a onde queriamos. Levabamos meses de moito traballo que posibilitou este primeiro xuízo: petición colectiva para que fixeran públicas as bases, accións de rúa, información persoal e colectiva sobre requisitos de acceso ás AEM, esixencia de copia selada da entrega, denuncia dos atrancos diante do Valedor do Pobo e Valedor Cidadá, xuntanzas con responsables municipais...

O DEPARTAMENTO DE BENESTAR SOCIAL, ONDE O PROCEDEMENTO ADMINISTRATIVO NON É PRIORITARIO

Tanto o avogado do Concello como a propia traballadora social do departamento que asistiu en calidade de testemuña, recoñeceron sen o máis mínimo rubor que no departamento de Benestar Social do Concello de Vigo o procedemento administrativo non é considerado prioritario. Implicitamente revelan a existencia dunha administración paralela, un limbo legal no que as canles de relación habituais entre cidadanía e administración local desaparecen, non teñen cabida, substituídas por normas non escritas.

A declaración da traballadora social municipal é reveladora neste senso. Recoñece que bastante fai o Concello: “hacen lo que pueden con lo desbordadas que están”. Malia quedares moi lonxe das contías máximas que fixan as bases, eles deciden que a AEM concedida á compañeira ao 50% será a derradeira, porque “ya se le ha ayudado demasiado”.

No xuízo afloraron máis irregularidades á hora de xestionar os expedientes. Por exemplo, a testemuña relata que ante a acumulación das moitas solicitudes da compañeira da ODS, a resposta foi xuntalas todas e resolver as que puidera cos medios cos que contaba. A funcionaria expuxo ante o tribunal que o problema de fondo estaba en permitir que sexa a cidadanía quen poida iniciar a solicitude destas axudas, xa que provoca un aluvión de solicitudes, ademais de privar ás profesionais da súa principal arma de intervención.

Pensamos que é moi grave – pero moi esclarecedor- escoitar a unha funcionaria pública dicir diante dun tribunal de xustiza que os criterios da Comisión que resolve as AEM está por riba do criterio e valoración das profesionais: se chegan 1000 solicitudes e tan só hai cartos para 500, concédense 500 por indicación da Comisión.

Pola súa banda, o letrado do Concello defendeu o proceder do seu defendido con argumentos semellantes. Recoñece que os expedientes administrativos son “peculiares” e pouco rigorosos; iso si, sempre en suposto beneficio para as persoas, co obxectivo de axilizar os prazos.

No xuízo quedou de manifesto (testemuñas e letrado) que existen normas non escritas, requisitos e circunstancias impiden/restrinxen o acceso ás AEM, que non recollen as bases reguladoras.

DÁDIVAS PARA ACALARNOS?

O Concello de Vigo non quere recoñecer que a laxitude no procedemento (ademais dunha clara infracción da normativa legal), supón unha desprotección para as solicitantes que fican indefensas sen saber a que se ateren.

A administración municipal deféndese dicindo que esta falta de rigor responde á necesidade de seren máis efectivos á hora de resolver as solicitudes, xa que, como dicía o avogado do Concello, “o importante é que os nenos coman”. Porén, a realidade é ben distinta: a laxitude do procedemento nin consegue axilizar as axudas, nin acurta os trámites do procedemento. Polo tanto, os pais sen solucións e os fillos sen comer.

A traballadora social recoñece que os tempos de espera son moi elevados, que as resolucións demóranse varios meses e que moitas axudas nin sequera chegan a ser resoltas.

En definitivas contas, o xuízo serviu para evidenciar perante un tribunal de xustiza que o funcionamento dos Servizos Sociais do Concello é arbitrario, algo que nin a parte demandada discute. Pero baixo os argumentos legais e administrativos, latexa un problema estrutural que dende a ODS levamos tempo a denunciar: o xeito de entender as prestacións sociais non como un dereito senón como unha dádiva, unha esmola que xenerosamente conceden o técnico ou o político correspondentes. Algo que agradecer e non esixir.

Agardamos unha resolución favorable vendo como se desenvolveu a vista, pero por riba de todo polas razóns que levamos meses poñendo enriba da mesa. Visto para sentenza.

 

Coia, 31 de xaneiro de 2015

---

Imaxes: https://www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157648215091874/

Na prensa: http://vigodixital.opennemas.com/articulo/social/familia-vigo-denuncia-a...