Solicita atrasos de RISGA, ante a insoportable demora na tramitación

Algunhas fontes falan que no que vai de ano apenas concedéronse RISGAs. Non sabemos se a entrada en vigor da nova lei, o aumento do número de solicitudes, a mala xestión, a falta de cartos... ou a mestura de todas estas causas unida a nula vontade política están a provocar un grave problema de vulneración de dereitos básicos.

Porén lonxe de aceptar esta realidade como inmutable moitas persoas comezan a buscar fendas polas que se meter para facer efectivos os seus dereitos. No último ano moita xente está a presentar alegacións no rexistro da Xunta coa que reclaman a estimación por silencio da RISGA naqueles caso nos que a administración autonómica excedera os prazos (A Xunta ten 2 meses para resolver dende a entrada de toda a documentación. Os concellos teñen 1 mes para enviar a documentación completa á Xunta).

Por norma as delegacións provinciais, cos datos que temos, non están a estimar os expedientes das persoas que entregaron a alegación. O que acostuman, e nestes casos axilizar os expedientes.

Agora achegamos outro modelo de alegación co que solicitar atrasos no momento de concesión da RISGA. Vai en formato "modelo" que cómpre encher cos datos persoais, nº de expediente...

Deixamos dous modelos un para a RISGA vella e outro para a que entrou en vigor dende o 1/01/2014. Xa que coa nova lei mudan prazos.

Coa vella solicítanse os atrasos pasados os 3 meses dende a solicitude inicial, por ser o prazo máximo de resolución e dende onde se entende concedida provisionalmente. Coa nova, cambia o asunto, xa que esta recoñece o dereito aos atrasos dende o mes seguinte a aquel no que chegan os informes á Xunta, con independencia da data da solicitude inicial ante o Concello.

Animádevos a loitar polos dereitos sociais de todas as persoas!