Relatorio de exclusións de dereitos e violencias exercidas contra a poboación migrante

O Foro Galego de Inmigración no marco da conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos (10 de decembro) e da celebración da VII Semana de Loita contra as Fronteiras (10 ao 14 de decembro) con diferentes actos e actividades en varias cidades de Galiza, presentou diante da sociedade este RELATORIO no que enumeran de forma sintética o conxunto de exclusións de dereitos e violencias exercidas contra a poboación migrante de Galiza durante o ano 2019:

1) A exclusión do dereito ao traballo e a explotación laboral: a imposibilidade práctica de acceder a un traballo en condicións legais, para o colectivo de persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa. Salientamos aquí dun xeito especial a situación  de exclusión das empregadas de fogar, que mesmo teñen unha normativa que impide o exercicio de dereitos básicos.

2) A exclusión do dereito ao acceso a dereitos e prestacións sociais básicas: nomeadamente a RISGA, a pesares das posibilidades legais de que a nosa Comunidade Autónoma recoñecera este acceso en condicións de igualdade para todas as persoas migrantes residentes.

3) A persecución policial e o tratamento como delincuentes das persoas migrantes: unha violencia cotiá que aparece en situacións como: as identificacións por perfil étnico; a apertura de ordes de expulsións pola realización das entrevistas preceptivas para matrimonios ou parellas de feito; a persecución nos propios domicilios ás persoas que tentan arranxar a súa situación administrativa e non o conseguen.

4) O exercicio do dereito á saúde: recentemente a Rede Galega en Defensa da Sáude, da que forma parte este Foro, puxo de manifesto as seguintes carencias e vulneracións:

- Está a negarse a cobertura a menores os tres primeiros meses de estancia, o que conleva en moitos casos ruptura do calendario de vacinas; esa cobertura séguese denegando en casos de patoloxías crónicas.

- Nos casos de atención de urxencias, non se lles ofrece o formulario de medidas especiais.

- Séguese a dar a alta hospitalaria e confundíndoa coa alta médica. Dáse a alta hospitalaria sen derivación para tratamento e posterior seguimento por una médica de familia (xa que non teñen médica de familia).

- Cada vez atopámonos con máis casos de facturación en atención a menores, embarazadas e atención de urxencia.

5) O aumento de actuacións e actitudes racistas: por parte das administracións públicas coa implementación de requisitos imposibles de cumprir para acceder a axudas e prestacións sociais, pero  tamén para acceso a servizos públicos ou privados básicos. Nestes casos as administracións públicas competentes non actúan de forma efectiva. Así, recollemos, algunhas cuestións concretas que suceden en Galiza: servizos bancarios, acceso á vivenda, escolas oficiais de idiomas, tarxetas de bonificacións e descontos.

6) A situación das persoas menores estranxeiras non acompañadas: é especialmente grave, por ser obriga legal, a non tramitación dos permisos (pasados os primeiros 9 meses) estando baixo tutela administrativa e noutro ámbito, as trabas que a Federación Galega de Fútbol, por exemplo, pon para federar a menores en situación de irregularidade administrativa e incluso a menores adoptadas con nacionalidade española.

7) A situación das persoas solicitantes de protección internacional e/ou asilo: cun lentísimo procedemento de tramitación que fai que no caso concreto da provincia de A Coruña están neste momento a darse citas para comezar o proceso para o ano 2021.

8) A situación das persoas familiares de residentes comunitarias: ás que non se lles expide a tarxeta de familiar de persoa comunitaria, á que teñen dereito, mentres non amosen que os seus familiares teñen medios económico suficientes.

9) Non acceso á nacionalidade española: a propia normativa obriga a concedela para as persoas que cumpren os requisitos nun prazo máximo dun ano, e na actualidade demoran tres ou máis anos.

10) A carencia xeral de recursos das administracións públicas para este colectivo e a propia carencia de políticas públicas: normalmente as actuacións adoitan incluírse como un pequeno apéndice das políticas e actuacións dirixidas aos colectivos en situación de pobreza e exclusión social, o que tamén explícita moi ben a visión que as administracións teñen deste colectivo.