Partillamos un texto da compañeira Mari Fidalgo no que fai unha valoración das xornadas "Da RISGa á Renda Básica das iguais" celebradas o pasado 2 de abril en Compostela.
Quen parasita a quen?
A austerocracia imposta polas institucións financeiras están a dilatar as desigualdades sociais nas periferias endebedadas do Sur da Europa. Día a día vemos como as políticas económicas que se venderon como receita para a crise non son máis que un bucle perverso de déficit e débeda con consecuencias nefastas para as condicións de vida da xente.
O ataque ao patrimonio público, o saqueo dos bens comúns e a tesoirada ás fráxiles políticas sociais nas que se sustentaba un simulado estado de benestar non son denuncias vacuas, encárnanse en corpos e historias concretas. Na imposibilidade de acceder ou manter unha vivenda, suministros básicos e alimentación adecuada, no deterioro da atención sanitaria ou educativa. Os coidados e a sustentabilidade da vida postos contra a parede por un sistema que só atende á acumulación de beneficios.
Mentres a privatización de dereitos básicos significan precariedade e miseria para moitas, convértense en suculento negocio para uns poucos. As políticas de austeridade cumpren o seu cometido. Este non é outro que canalizar os cartos e recursos de todas para petos privados ás custas das necesidades dunha poboación cada vez máis depauperada. Para mostra un botón. A empresa Clece, de propiedade de Florentino Pérez, xestionará case a metade do orzamento destinado á política social da cidade de Vigo, máis de 5 millóns de euros. Na Xunta de Galicia a situación non é diferente.
E nesa rolda de precarización acaban entrando sectores de poboación que nunca se imaxinaron así, desempregadas, sen ingresos e desamparadas por unhas políticas públicas que non ofrecen solución algunha cando urxe soster a vida e resolver necesidades básicas.
Porque as pobres, as excluídas, as que se acollían aos programas de servizos sociais até ben pouco eran outras. E algo farían para que a vida lles tratase así. Non se esforzarían o suficiente ou traerían de seu algunha tara que lles impide adapatarse ao sistema e poder sosterse polos seus propios medios. Seguramente produto da súa etnia, procedencia ou do modo de vida que “escolleron”. A culpabilización, criminalización e estigmatización fractura e enfronta as boas e as malas pobres.
No primeiro caso, empresarios e profesionais vidos a menos, xente con estudos que acaba compartindo caixeiro ou fila no reparto de alimentos coas pobres de sempre. A “nova pobreza” ten reclamo mediático, preocupa e conmove. Son a proba de que algo está a ir mal e hai que tomar medidas. As pobres de toda a vida (indolentes, improdutivas, aproveitadas, toxicómanas) non chaman atención algunha porque non son mais que danos colaterais no funcionamento do capitalismo. A estas hai que disciplinar a través dunhas políticas de servizos sociais que fiscalicen o uso que fan das prestacións - e de paso se inmiscúan nas súas vidas, porque sabemos que as pobres non teñen o dereito á intimidade ou á autonomía- para evitar o parasitismo público. Así é como na Galiza, as persoas perceptoras dunha Risga que na meirande parte dos casos non chega aos 400 euros teñen que verse cun control por parte de servizos sociais que inclúe visitas domiciliarias e inxerencias nos seus hábitos de vida. Iso por non falar do labirinto burocrático e da demora de ata sete meses na tramitación das solicitudes, ou da obriga da familia consaguínea de prestarnos alimentos.
Unha lóxica de suspeita e control, de criminalización da pobreza que agocha os verdadeiros responsábeis de que non flúan os cartos para cubrir as nosas necesidades básicas. De que non se nos recoñeza o dereito e os medios para vivir cando participamos indirectamente da creación da riqueza, sexa facéndonos cargo dos coidados e da reprodución da vida sen a cal os mercados non se sosteñen ou através de moitas outras contribucións: saberes, relacións, afectos, etc.
Na xornada “Da Risga á Rbis” que celebramos as xentes de Baladre e a ODS-Coia o sábado 2 abril en Compostela demos conta de todas esas reflexións e chegamos á conclusión que fronte as prestacións miserentas e o control social reclamamos o anaco do pastel que nos corresponde a través da implantación da Renda Básica das Iguais.
Un instrumento que contribúa a rachar as palancas de precarización e a chantaxe do emprego como mecanismo de inclusión. Unha ferramenta que nos axude a crear espazos de autonomia e cooperación. A ensaiar respostas desde o apoio mutuo que dean cobertura ás nosas necesidades, detraíndo a súa satisfacción da lóxica mercantil ou do sometemento que ás mulleres nos impón a ética reacionaria dos coidados, amparada nun mandato patriarcal opresivo e inxusto. Ter aseguradas as condicións mínimas para poder apostar por espazos de relación e construírmonos como suxeitas e suxeitos de dereitos.
Unha das asistentes ás xornadas comentaba ao rematar “miro dende a miña fiestra o monte cheo de muíños e eu apenas podo pagar as facturas da luz". Sinalar os que se enriquecen apropiándose e explotando o que é de todas, poñer eses recursos ao servizo das necesidades das persoas. Garantir a existencia para que desde a seguranza e a liberdade efectivas poidamos explorar outros xeitos de organizar a vida e coidar o território é unha tarefa que non pode esperar.