Cantas veces temos escoitado que “as persoas que cobran axudas viven moi ben e que por iso non queren traballar”. Do mesmo xeito, canta veces teñen dito cargos políticos de diferente cor que “a mellor política social é o emprego”.
Devolver ou “insertar” no mercado laboral a persoas e/ou colectivos que están fóra ou nas marxes deste, é o obxectivo da maior parte das políticas sociais. Aquelas que organizan e xestionan prestacións, programas, plans... fan por esquecer que o paro, a precariedade ou a temporalidade máis que erros do sistema, son expresións do seu bo funcionamento.
Temos así un sistema de (des)protección que lonxe de garantir dereitos, artéllase para controlar e castigar ás empobrecidas, algo máis de 1 de cada 5 en Galiza. Un bó exemplo o temos na RISGA que cumpre a perfección estas funcións.
Os rumores din que antes de que remate o ano, a Xunta vai publicar por fin o decreto que desenvolva a lei que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2014. Porén, non imos esquecer agora a indefensión, opacidade e restritividade que este retraso de catro anos provocou na xestión desta “esmola social”. Era no verán do 2014 cando remataba o prazo máximo -fixado na LEI 10/2013, de 27 de novembro, de inclusión social de Galiza- para ter publicado o decreto que puxera en marcha as grandes novidades anunciadas: os tramos de inserción e de transición ao emprego. Estamos cansas e fartas de escoitar que esta é unha lei que vai mellorar a conexión co emprego para as perceptoras da RISGA. Polo momento só temos propaganda e miseria, ademais dun mercado laboral que cada vez reparte menos a riqueza de todas.
A fin de contas hoxe en día un posto de traballo non garante que chegues a fin de mes, según o Eurostat e o INE un 13,1 % das persoas que traballan está en risco de pobreza, o que leva ao Estado español a ocupar a terceira posición de entre todos os países da Unión Europea.
Non podemos falar do que non chegou, pero se tomamos como referencia o que acontece na actualidade con aquelas perceptoras da RISGA que acceden, con intermitencia ao emprego, entran arrepíos. Nas últimas semanas varias persoas entraron en contacto con nós para falar dos atrancos provocados por acceder a empregos mentres cobraban a RISGA.
“Me motivan para buscar trabajo con la realidad laboral actual de contratos temporales? Pues la verdad ni, porque cuando se me acabe el trabajo puedo pasar hasta 3 meses sin ingresos... Me parece que con esto generan que las personas que viven de una RISGA no busquen trabajo por miedo a esos meses sin ingresos”. Son as verbas dunha muller que estivo a traballar temporalmente nunha residencia e que coñece casos semellantes ao dela. As delegacións provinciais da Xunta cando teñen constancia dun contrato temporal fan cálculos para adaptar a nómina da RISGA a estes ingresos, o problema está nos tempos.
As demoras na actualización das contías provocan desfases entre a situación económica das perceptoras e as contías percibidas. Pode ser que mentres esteas a cobrar recibas a contía completa da prestación máis o salario, e que meses despois cando xa non teñas emprego desconten dunha tacada os pagamentos indebidos, deixando ás persoas nunha situación de vulnerabilidade.
“Nadie se detiene a pensar que tal vez las que vivimos de ayudas no volvemos a trabajar por cosas como estas”. Así valora esta compañeira a súa experiencia laboral compatibilizada coa RISGA. Varios meses de penurias polos atrasos da administración na xestión das contías, que provocaron semanas de tensión e ansiedade por seren penalizada logo de cumprir os obxectivos marcados no plan de intervención.
Situación que por desgraza é padecida por moitas perceptoras... Estes exemplos amosan que as administracións lonxe de defender ese lema case publicitario de: “o emprego é a mellor política social”. Deixan branco sobre negro a necesidade de separar o dereito a unha vida digna do emprego. Razón pola cal, nós loitamos polo recoñecemento de dereitos sociais fortes como a Renda Básica das iguais, que deixen no pasado as presentes políticas de axudas sociais condicionadas, que usurpan a dignidade das persoas e en último caso non axudan a erradicar a explotación laboral.
Por todo isto: Renda Básica das iguais e moito máis!
Vigo, decembro 2018