As compañeiras de Compostela organizan un obradoiro incluído na 1ª Semana Galega pola RBis e que leva por título: "Rachar coa centralidade do emprego, apostar pola centralidade da vida". A Renda Básica das Iguais desde unha ollada feminista.
SÁBADO 26 DE XANEIRO - 16:30hs - Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa 7. Compostela)
Durante as Xornadas Ecofeministas que tiveron lugar no mes de decembro en Compostela, un puñado de mulleres feministas comezamos a accionar o noso interese por coñecer e discutir a proposta da Renda Básica das Iguais.
Estimuladas pola recente publicación do estudo da viabilidade social e económica para implementar esta ferramenta de reparto da riqueza no noso territorio, e desde a rabia e a rebeldía contra a escalada de empobrecemento, marxinación e violencia que está a castigarnos e máis á nosa xente; desde a insumisión ao proceso de precarización das nosas vida e dos nosos desexos, da tentativa de expropiarnos cada día un anaco máis de poder sobre nos mesmas, o noso corpo e a nosa existencia; desde ese estado de desobediencia e movemento creativo cara a outros xeitos de vivir, decidimos organizar este obradoiro.
O obxectivo é lanzar preguntas, e tratar entre todas de esbozar algunha potencia de resposta, sobre algunhas cuestións que non atopan lugar na axenda da meirande parte dos colectivos sociais, e facelo desde unha ótica feminista.
A centralidade do emprego e a súa consideración como elemento preferente da xeración de dereitos; o factor de explotación e alienación que aquel supón no marco capitalista, e os discursos de corte moralista que tratan de lexitimalo como fonte de dignidade, socialización, e sentido de utilidade social; a invisilidade da contribución dos traballos de coidados á hora de xerar renda e benestar para unha comunidade; o carácter colectivo da produción de valor e riqueza, e concretamente, a conveniencia da implementación da RBis á hora de dar resposta a esas problemáticas e abrir espazos de autonomía, organización e relación que dean sustento a proceso de transformación social desde abaixo e en lilás, son algunhas das cuestións en torno as que pensar e discutir o vindeiro sábado na libraría Lila de Lilith.
Se che interesa a actividade, agradecemos que avises a túa intención de asistir, para que poidamos organizar mellor o espazo e materiais, mediante un mail a: mariafidalgo_ba@riseup.net, ou no teléfono 687 368 314.
O obradoiro estará facilitado por Mari Fidalgo e Xiana López, ambas enredadas en diferentes espazos feministas e sociais, e integrantes do grupo dinamizador da Renda Básica das Iguais na Galiza.
Esta actividade está enmarcada na 1ª Semana Galega pola Rbis, que baixo o lema "Movéndonos polo dereito a vivir dignamente!", levará a presentación do estudo de viabilidade da proposta e os fundamentos nos que se asenta, a diferentes cidades e vilas galegas durante o 25 e o 31 de xaneiro.