O pasado 13 de maio de 2015 o Concello de Vigo publicaba a convocatoria do “Programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación 2015”, o coñecido como “cheque social”.
O Concello tiña un prazo de tres meses para resolver as 2800 solicitudes que se fixeron nesta convocatoria. Dito prazo rematou o 9 de setembro, e, como sucedeu nas anteriores convocatorias e pasado máis dun mes, aínda non foron concedidas as axudas. O máis grave é que desde o Departamento de Benestar Social din que a demora será, como mínimo, dun mes máis.
Como xa denunciáramos no seu día, estas axudas constitúen a resposta precaria e miserenta do Concello de Vigo ante o empobrecemento brutal que está a padecer a cidadanía, por resultar un programa totalmente insuficiente e inxusto, non só pola insultante escaseza da contía orzamentaria, senón tamén polo seu carácter eminentemente restritivo. E agora, non contento con perpetuar esta caridade institucional á que nos ten acostumadas, permítese ter agardando a miles de familias na incerteza e na precariedade, demorando meses a concesión dunhas axudas mínimas e insuficientes.
Mentres concesionarias privadas enchen os petos coa xestión dos servizos sociais municipais para nós queda aturar a “cantinela” de que “non hai cartos” para dotar ao departamento, o cal non é quen de dar curso aos expedientes atascados na tramitación por falla de recursos.
Estamos fartas de que nos neguen os dereitos e nos ofrezan esmola. Estamos fartas do colapso dun departamento municipal ineficaz e caótico. Estamos fartas de agardar meses por axudas que nunca chegan. Estamos fartas da propaganda do Alcalde que mente e manipula as cifras sen amosar un mínimo de rubor antes as carencias que padecen moitas veciñas.
Fronte a isto, esiximos medidas que desborden o sistema. Esiximos, e traballamos, pola Renda Básica das iguais e por moitísimo máis. As súas políticas o único que procuran é maquillar a crúa realidade, perpetuar a desigualdade e a inxustiza, desmobilizarnos e confundirnos dos vieiros que debemos camiñar para parir unha vida digna e plena.
Outubro 2015
ODS-Coia