O Concello de Vigo gasta cada vez menos en axudas de emerxencias sociais

A pasada semana, o alcalde daba conta do “Programa contra desafiuzamentos e de emerxencia social para o ano 2020”. En rolda de prensa presentou a suba no orzamento destinado a estas axudas, que pasan de 892.000 en 2019 a 922.000 euros para 2020. A maiores deses cartos na casa do concello engaden unha nova partida, dotada con 50.000 €, denominanada: “Melloras en fogares”. O obxecto da mesma é ofrecer unha liña de axudas para adaptar os fogares (eliminación de barreiras arquitectónicas, arranxos de pequenas avarías imprescindibles para manter o uso da vivenda e/ou melloras da eficiencia enerxética da instalación), que se dirixe, “preferentemente, a persoas que, pola súa idade ou discapacidade, teñan limitada a súa mobilidade”.

As bases aprobadas para este ano son practicamente iguais ás de anos anteriores, agás unha pequena suba nas contías máximas anuais. Tal e como atopamos nas bases estamos ante “axudas económicas con cargo ós orzamentos municipais do Concello de Vigo para atender situacións extraordinarias que poidan considerarse de emerxencia social”. Estamos ante unha das ferramentas que teñen as traballadoras sociais municipais para paliar as carencias de persoas ou familias en materia de vivenda, alimentación, pagamento de recibos, etc.

Na redacción das bases insisten en que son axudas non periódicas, extraordinarias; mais a pobreza e carencia de recursos é habitual para moitas veciñas. Ter emprego ou ser perceptor da RISGA ou dunha PNC non son garantía de poder cubrir as necesidades básicas. A miseria de moitas de nós é sistémica ou estrutural, pouco ten de transitoria. Daquela, cómpre reclamar aos poderes públicos que artellen medidas que sexan efectivas e axeitadas ás problemáticas que padecemos.

Alén disto, no anuncio do alcalde houbo trampa. Unha cousa é falar do orzamento e outra do gasto. Fixádevos nestes datos ofrecidos polo propio concello nestes últimos dous anos:

En 2019, dos 892.000 € orzamentados destináronse 560.000 €.

No ano anterior, en 2018 dos 842.000 € orzamentados destináronse a estas axudas 801.375 €.

Semella que as incribles “políticas keynesianas” deste goberno están a sacarnos da pobreza e da miseria. Nós sen nos decatar. O dicimos á vista dos datos de axudas concedidas o pasado ano, tan só gastaron o 62% dos cartos orzamentados, 240.000 € menos que en 2018.

Gustaríanos saber a que responden estas cifras, xa que somos moitas as que non podemos acceder ou manter unha vivenda, somos moitas as que facemos cabriolas para pagar as facturas da luz ou auga e somos, tamén, moitas as que non podemos mercar unha lavadora ou neveira cando estragase.

Cómpre superar medidas miserentas, que en moitas casos se aplican de modo aínda máis restritivo. Esiximos que os orzamentos municipais sexan empregados para garantir dereitos e para redistribuír a riqueza.

Pola repartición da nosa riqueza, renda básica das iguais e moito máis!

 

Coia, xaneiro de 2020

ODS-Coia