O “cheque antisocial” de Florentino Pérez

Mentres os medios da cidade falan dos miles de euros que o goberno de Caballero vai repartir a 1800 fogares, ninguén fala da persoa máis beneficiada polas políticas sociais do concello.

Malia non cumprir a maioría dos requisitos, foi quen máis cartos recibiu do departamento de Benestar Social do Concello de Vigo. Este home non ten os 3 anos de padrón na cidade, vive en Madrid. Tampouco tivo que facer as longas colas para tramitar axudas sociais. Nin agardar meses por uns cartos que as beneficiarias aínda non recibiron. Tamén supera, de moi longo, os ingresos máximos fixados nas bases.

Esa persoa é Florentino Pérez. El só vai recibir máis de 5 millóns de euros, ou o que é o mesmo, a metade do orzamento da concellería de Benestar Social para 2016. Clece, unha das súas empresas, será quen xestione:

- Programa de Infancia (516.776 €)
- Servizo de Axuda no Fogar (3.189.984 €)
- Unha parte dos servizos e persoal de CEDRO (1.394.080 €)

Onte publicaban na web do concello as listaxes das axudas coñecidas como “Cheque Social”. Onte en Coia, estivemos con cinco persoas que levaban meses agardando por eses cartos. O resultado logo de repasar as listaxes: dúas aparecían na listaxe de “DENEGADAS” e tres na de “CONCEDIDAS”:

Dúas van recibir 443 €:
- unha muller e o seu fillo que malviven dunha RISGA.
 -Unha parella con dúas nenas pequenas poderán pagar un mes de aluguer con esa contía.

Unha vai recibir 1107 €:
A familia máis beneficiada das tres, formada por dos adultos e tres crianzas, recibirán uns euros que temporalmente servirán de complemento aos ingresos da RISGA.

As dúas que aparecían nas “DENEGADAS” ficarán sen eses cartos por “superar a renda indicada nas bases”. Dende aquí animamos a todas as persoas a recorrer as denegacións. Nun dos casos de onte ter un emprego a tempo parcial polo que recibe unha familia de cinco persoas menos de 400€ é motivo de denegación para este concello.

Á vista disto, volvemos a falar da necesidade de superar estas políticas de miseria que afógannos no asistencialismo, na caridade. Cómpre non se despistar de quen segue a facer beneficio cos cartos de todas mentres para nós deixan unhas migallas coas que tratan de agochar o crecente empobrecemento.

Como en tantas ocasións, berramos: Renda Básica das iguais e por moitísimo máis!

Novembro 2015

ODS-Coia

Baladre

Nosotras las Personas

Asociación Contra a Exclusión Social Alambique

Renta Básica das iguais