Os cortes de auga en Vigo se resolven con esperas e con papeis, nunca con dereitos. Mentres Aqualia, a empresa concesionaria, leva anos facendo bos negocios con este ben común.
O luns achegouse ao punto de información unha muller con aviso de corte de auga. Fica sen ingresos mentres agarda pola RISGA que ven de solicitar. Ante a inminencia do corte acude a servizos sociais. Alí recibe como resposta aos seus problemas unha cita coa traballadora social para dentro dun mes e os impresos para solicitar unha Axuda de Emerxencia Municipal. Indícanlle que a entregue no rexistro municipal coa seguinte documentación:
- Certificado de pensións da Seguridade Social (positivos/negativos).
- Orixinal e copia da tarxeta de demanda de emprego.
- Certificado negativo de prestacións do INEM.
- Orixinal e copia do contrato ou recibo de alugueiro.
- Recibo e aviso de corte de auga.
A muller ten aberto expediente no departamento de Benestar Social, ao ter cursada a solicitude de RISGA, polo que a morea de papeis que lle esixen para valorar a concesión da axuda xa os teñen no Concello.
Seguir os pasos marcados polos servizos sociais, malia ficar sen ingresos, non asegura o dereito a ter subministro de auga. Porén si asegura:
- Varias semanas de agarda para coñecer o resultado da solicitude.
- Un percorrido por diferentes administracións, neste caso: INEM e Seguridade Social. Hai que engadir visita á copistería para facer as pertinentes fotocopias do contrato da casa, do recibo e da tarxeta do paro.
- Unha entrevista coa traballadora social do Concello onde seguro terá que dar explicacións dos seus problemas para chegar a fin de mes.
- A incerteza de saber que unha necesidade básica, como ter auga, non está asegurada e que depende de circunstancias tan alleas a ela como que haxa orzamento dispoñible no concello, da valoración profesional que fagan sobre a súa situación, dos criterios non escritos dunha comisión de valoración, da carga de traballo da traballadora social...
Abonda xa de facer negocios coas nosas necesidades. Abonda tamén de políticas miserables e da caridade como única resposta.
Esiximos o dereito a vivir con dignidade a través da posta en marcha da Renda Básica das iguais e doutras medidas que aseguren o dereito a unha vida plena para todas as persoas.
Coia, xullo 2015
ODS-Coia