Noutras ocasións temos denunciado os retrasos á hora de tramitar e resolver as axudas sociais da Xunta de Galicia: RISGA e AES. A cousa parece que non cambia, senón que vai a peor, segundo infórmannos traballadoras da unidade de RISGA de Vigo.
As AES (Axudas de Emerxencia Social que veñen a cubrir problemas de vivenda, de saúde básica...) neste momento están paralizas por falla de cartos, polo que moitas persoas e familias teñen que engadir aos tempos de espera na tramitación e resolución -en Vigo máis de seis meses de media- este novo retraso ao non ter a Xunta cartos para estas axudas.
Hai que engadir que moitas axudas están a denegarse ante o elevado número de pesoas que chegan aos servizos sociais reclamando solucións. As traballadoras da Xunta detectan un cambio de perfil nos demandantes, estas axudas grazas á crise deixan o seu estigma de estar dirixidas a poboación marxinada ou excluída e agora aparecen como única saída para aquelas que pederon os seus empregos e non teñen dereito a ningunha prestación do Goberno.
Ante isto dende a ODS-Coia esiximos aos poderes públicos que se deixen de esmolas e pedimos que mentres avanzamos na loita pola consecución dunha Renda Básica das Iguais, que se dote a estas axudas de orzamentos estables e suficientes.