A revista A Boia vén de publicar un texto sobre a cuestión das axudas de emerxencia social no Concello de Vigo. Os meses pasan... e o concello -a través dos seus responsables na área de benestar: concelleira, xefe de servizo e coordinadora das traballadoras sociais- lonxe de buscar saídas cada día inventa un novo atranco nesta cuestión.
Nesta loita seguiremos... con máis razóns, con máis necesidades e tamén con máis apoios.
Axudas de emerxencia municipais: por un procedemento que garanta os nosos dereitos
A Oficina de Dereitos Sociais de Coia e a Parroquia Cristo da Victoria vimos denunciando dende hai tempo, máis aló da absoluta insuficiencia dos recursos económicos destinados por Concello e Xunta a paliar a grave situación de empobrecemento da cidadanía, o funcionamento arbitrario e inxusto dos Servizos Sociais do Concello de Vigo no tocante ás Axudas de Emerxencia Municipais (AEM), destinadas a persoas ou familias en situación de necesidade social para sufragar gastos persoais, de vivenda, aloxamento, alimentación e atención sanitaria.
As bases reguladoras establecen que as solicitudes se presentarán nas Unidades de Traballo Social (UTS); sen embargo, cando unha persoa se achega á UTS para solicitar unha AEM se atopa cara a cara cun procedemento que non garante os seus dereitos: non se lle permite facer a solicitude por escrito nin obter unha copia selada nin ningún outro tipo de acreditación documental, e, no caso de que insista en exercer dito dereito, é remitida ao Rexistro do Concello, o que supón unha demora substancial na tramitación da axuda. Ademais, até o de agora as resolucións sobre a concesión ou denegación comunicábanse verbalmente aos solicitantes, e só a presión que exercemos nos últimos meses fixo que a día de hoxe sexa posible acadar por escrito unha resolución denegatoria que antes se presentaba como totalmente inaccesible.
Sen dúbida, esta opacidade na tramitación das AEM favorece a invisibilización das persoas empobrecidas. Por iso nos parece un tema de extrema gravidade e por iso continuamos a esixir aos responsables políticos unha solución que acabe con esta situación de indefensión da cidadanía. Non pode ser doutro xeito: é a súa obriga establecer xa un protocolo que respecte o procedemento administrativo legal e regulamentariamente establecido, e que, en consecuencia, garanta a posibilidade de presentar por escrito nas UTS as solicitudes das AEM mediante formulario normalizado e conservando unha copia selada, sen que isto supoña demora algunha na tramitación dunha axuda que, por responder a unha situación de emerxencia social, ha de ser inmediata.