Preto de cincuenta persoas acudimos hoxe, chamados pola ODS-Coia e pola parroquia do Cristo da Victoria, ao concello para facer entrega no rexistro de dous escritos: un para Isaura Abelairas, concelleira de Benestar social e outro para Abel Caballero, alcalde de Vigo.
Coa entrega colectiva e publica destas follas queriamos denunciar que as Axudas de Emerxencia Social xestionadas pola concellería de Benestar son: insuficientes, opacas na súa tramitación e deficitarias no procedemento. E todo isto cando estamos nunha situación de emerxencia social marcada pola falta de recursos, o desemprego, a perda de poder adquisitivo... Por estas razóns, participamos neste acto no que esixiamos dereitos e non caridade.
Comezamos coa lectura dun manifesto na praza do Rei para logo entrar xuntas na lonxa do concello. Alí dúas compañeiras entregaron no rexistro o escrito dirixido á concelleira e ao alcalde.
Feita a entrega tentamos subir en grupo ás dependencias de Benestar Social, malia a nosa petición a policía só deixou subir a tres representantes que lle deron o escrito á concelleira e ao xefe de servizo da área de benestar. Este último sinalou que ata setembro non poderían solucionar os déficits no procedemento das axudas, por non teren diñeiro para facer as modificacións necesarias no sistema informático no que as xestionan.
Tentamos facerlle entrega persoal do escrito ao alcalde pero indicáronos que non era posible, ante isto deixamos a copia á súa secretaria.
Con esta mobilización e ante a falta de respostas esiximos dereitos, non pedimos axudas! E unha Renda Básica que nos permita vivir con dignidade.
---
Imaxes do acto: http://www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157634758357837
O acto nos medios: - http://praza.com/movementos-sociais/5096/exiximos-dereitos-e-non-caridade/
- http://www.crtvg.es/informativos/distintos-colectivos-da-cidade-de-vigo-...
- A partires do minuto 11: http://www.youtube.com/watch?v=HIpqQ4YpD2I&list=PLC2897FF5657DACEE&index=2