Coia esixe o dereito a unha vida digna

Hoxe, doce de decembro de 2012, varios centos de persoas, convocadas pola Oficina de Dereitos Sociais (ODS-Coia) e a parroquia do Cristo da Victoria, enlazaron as súas mans en Coia nunha cadea humana que tiña un obxectivo moi concreto: esixir un incremento significativo do investimento social nos orzamentos municipais de 2013. A mobilización, que se desenvolveu nun ambiente festivo e comprometido, concluiu coa lectura dun manifesto e un prolongado aplauso de todas as persoas presentes.

Hai tempo que desde a ODS-Coia e a Parroquia do Cristo da Victoria vén constatándose un incremento das demandas de axuda da veciñanza máis afectada pola crise económica que estamos a padecer. Paralelamente, apréciase unha queixa reiterada polas dificultades para acceder ás axudas da Xunta de Galicia e do Concello de Vigo, así como pola lentitude na súa tramitación. Estamos a falar de familias en situación desesperada, carentes de recursos para poder abonar os gastos cotiás de luz, auga, alimentos…, familias que non reciben o trato preferente e urxente que debería ser a prioridade daqueles que administran os cartos da cidadanía, aqueles que deben velar antes que nada por garantir os dereitos fundamentais da veciñanza.

Basta lembrar dous terribles datos: das 14000 persoas desempregadas apuntadas no INEM de Coia so algo menos de 5000 reciben algún subsidio, e segundo o Instituto Galego de Estatística 24000 hogares galegos carecen de calquera ingreso económico.

A mobilización que tivo lugar hoxe en Coia responde á constatación dos sufrimentos intolerables que esta situación está a provocar. Xorde como unha denuncia e unha esixencia dirixida ás administracións públicas, neste caso á máis achegada a nós, o Concello de Vigo, que a todos nos representa, para que asuma como a súa primeira obriga garantir o cumprimento dos dereitos básicos de todas as persoas e proporcionar as condicións para que a nosa veciñanza poida vivir con dignidade, repartindo a nosa riqueza de xeito xusto. A mobilización pretendía exisir ó Concello de Vigo, agora que está a debater os presupostos do próximo ano, que incremente de xeito significativo as axudas económicas dirixidas a cubir situacións de emerxencia e falla de recursos.

---

Fonte: www.comunidadebasecoia.org/2012/12/a-vecinanza-de-coia-esixe-o-dereito-a-unha-vida-digna/