Debido ao mal tempo cancelamos onte os actos previstos para celebrarmos o Día contra a riqueza 2014. Malia non estar hoxe na rúa recollendo sinaturas da ILP pola Renda Básica, non queremos desaproveitar esta data para achegar o texto de presentación da campaña galega: “Da RISGA á RBis”. Achegamos o manifesto que tiñamos preparado para este mediodía:
Hoxe 17 de outubro celébrase o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. A Oficina de Dereitos Sociais de Coia, a Parroquia Cristo da Vitoria, o Grupo de Axitación Social (GAS) e as xentes de Baladre saímos á rúa nesta data, que xa o ano pasado rebautizamos como Día contra a riqueza, para denunciar unha vez máis que a riqueza acumulada nas mans duns poucos non fai máis que medrar a costa dunha maioría de persoas cada vez máis ampla que padece a crecente precarización das súas condicións de vida.
Os datos, e mais aló dos datos a realidade cotiá coa que nos enfrontamos, non deixan lugar a dúbidas: seis de cada dez familias galegas seguen a ter dificultades para chegar a fin de mes; pola contra, o 10% máis rico dos fogares europeos acumula a metade da riqueza do continente, os dez magnates máis ricos de Europa posúen unha fortuna case dez veces maior ao gasto español previsto en desemprego para o 2015 e a fortuna de Amancio Ortega equivale ao 87% do PIB galego.
Fronte a esta realidade de inxustiza, precariedade e exclusión á que nos condena o capitalismo, nós queremos presentar publicamente neste Día contra a riqueza a campaña galega “Da RISGA á RBis”, que ten como obxectivo visualizar o inútil que resulta a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) como ferramenta de transformación social e de loita contra o empobrecemento, así como defender a necesidade de superar estes modelos asistenciais e de loitar pola Renda Básica das iguais (RBis), definida como o dereito individual, universal e incondicional a recibir unha cantidade periódica que cubra as necesidades elementais.
Moitas veces temos denunciado que a terrible situación de empobrecemento e precariedade que padecen tantas persoas e familias en Galicia está a ser agravada dun xeito intolerable pola resposta da Xunta, que pasa case exclusivamente por unha RISGA insuficiente e excluínte, que pouco axuda e nada transforma. Orzamentos que rozan a miseria, contías mínimas e escasa cobertura, longos tempos de espera que se prolongan ata os oito meses, burocracia excesiva, requisitos rigorosos que deixan sen acceso a moita xente, incompatibilidades absurdas, esixencias a modo de contraprestación de participar en proxectos de inserción sen seguimento e inútiles, e mesmo obstáculos para obter o resgardo de entrega da solicitude... son algúns dos problemas que evidencian que a Xunta de Galicia non está a cumprir coa súa obriga de dar unha solución real e eficaz para cubrir as necesidades básicas das galegas e galegos.
Sen dúbida, un dos aspectos máis crueis é o que ten que ver cos atrasos na concesión da RISGA, cunha demora totalmente inaceptable por tratarse dunha axuda dirixida a persoas e familias nunha situación de verdadeira emerxencia social. A finais de agosto, sen ir máis lonxe, a Xunta recoñecía que estaba a resolver as solicitudes de decembro do 2013, o que é o mesmo que recoñecer que está a incumprir o establecido pola lexislación vixente no que atinxe aos prazos de resolución desta axuda (a Xunta ten 2 meses para resolver dende a entrada de toda a documentación, mentres que os concellos teñen 1 mes para enviar a documentación completa á Xunta).
Tampouco se está a dar présa a administración autonómica en elaborar e publicar o decreto que debe desenvolver e aclarar a citada Lei de inclusión social, publicada o 31 de decembro de 2013. Aínda que na aprobación da mesma se falaba dun prazo de 6 meses, pasaron xa dez sen que nada novo se saiba, o que contribúe a incrementar a incerteza e indefensión da que son vítimas as persoas solicitantes da RISGA. Por poñer un exemplo, no que ten que ver coa solicitude dos atrasos coa anterior lei, aínda que nun primeiro momento falaban de recoñecemento automático en casos de RISGA nova e tras solicitude na antiga, sempre con data do mes seguinte á petición da última documentación requirida, semella que a estas alturas non teñen nada claro aínda como van tramitalo.
Ante a grave situación referida, non podemos deixar de denunciar, en primeiro lugar, que menten cando dan por única resposta ás nosas críticas e demandas iso de que “non hai cartos”. Fronte os recortes sociais e a súa imposta “austeridade” mal entendida, basta un exemplo significativo que vén de ser denunciado publicamente: a Consellería de Traballo e Benestar malgasta mil euros diarios en pagar a un número esaxerado de asesores contratados a dedo e que están ao servizo exclusivo da conselleira Beatriz Mato.
E finalmente non podemos deixar de denunciar, unha vez máis, o insuficiente e inútil da Renda de Inclusión Social de Galicia en termos de transformación social e de loita contra o empobrecemento. Por iso nós, e moitos colectivos e persoas, defendemos a necesidade de superar estes modelos de “rendas ou salarios para pobres”, para dar paso á Renda Básica das Iguais, concibida como o dereito de toda persoa a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades elementais. Fronte a unha RISGA subsidiaria e restritiva, familiar e condicionada, a RBisten carácter universal, persoal e incondicional. A RBisé suficiente e digna; a RISGA, escasa e miserable. Finalmente, a RBis é un instrumento máis de xustiza e redistribución da riqueza, mentres a RISGA supón un instrumento de fiscalización, exclusión e perpetuación da esmola asistencial.
Porque temos dereito a vivir con dignidade: RENDA BÁSICA das iguais, XA!