Nos últimos días varios milleiros de automóbiles, estacionados en diferentes rúas de Vigo, atopáronse cunha inusitada multa nos seus parabrisas. A sanción imposta supón traballar até os 67 anos, con contratos cada vez máis precarios, despedimento libre e barato. En tanto que desempregada aceptar un control exhaustivo ou someterse aínda máis á explotación das ETT´s. Para alén diso cumprir co requisito de ter máis de 15 anos cotizados de cara á cobrar unha mísera pensión computada sobre os últimos 20 ou 25 anos traballados, pagar máis impostos directos e indirectos, esquecerse de subsidios e prestacións ou a perda de cobertura de dereitos sociais como son a educación e a sanidade grazas a súa progresiva privatización. No reverso da multa ábreselle á infractora a posibilidade de recurso mediante a súa participación na folga xeral convocada para o 27 de xaneiro así como unha serie de propostas de accións para as que non poidan secundala.
Esta acción ten como obxectivo a activación social de cara a participación na xornada de loita e folga xeral do 27 de xaneiro. Para quen queira difundir ou facer a acción na súa rúa, barrio, etc. pódese descargar unha copia en A3 (8 multas) dun arquivo listo para imprimir desde a seguinte ligazón: www.megaupload.com/?d=JEYAQK0Z