Manifestación e acampada en favor da apertura inmediata do centro de inclusión social en Vigo

A Rede Social Galicia Sur convoca para o xoves día 12 de novembro ás 19.00 horas unha concentración no edificio da Gota de leite no que tras a lectura dun manifesto iniciarase un percorrido ata o concello de Vigo e posteriormente ata o edificio da Xunta de Galicia para o inicio dunha acampada que permanecerá ata o venres día 13 de novembro ás 13.00 horas.

É intención da Rede Social Galicia Sur visibilizar e seguir incidindo, mediante esta acampada e pernocta diante das dúas sedes administrativas, na reclamación e esixencia ás administracións competentes da inmediata apertura do centro de inclusión social de titularidade pública na cidade de Vigo.

A Rede Social Galicia Sur considera inadmisible o incumprimento reiterado dos compromisos políticos adquiridos por ambas administracións dende o ano 2004 en relación a este proxecto e denuncia a falta de vontade política para desbloquear esta situación. Non podemos permitir que se siga a negociar coa pobreza.

Xoves 12 de novembro

- 19h00: Concentración no Edif. "Gota de Leite" para lectura do MANIFESTO. Inicio percorrido ata o Concello de Vigo.

- 19h30: Instalación da acampada na Praza do Rei. Frente ao Concello de Vigo. Inicio do percorrido ata o edificio da Xunta de Galicia.

- 20h30: Instalación da acampada diante Xunta de Galicia.

Venres 13 de novembro

Mantemento da acampada ata as 13h00 para informar e sensibilizar á cidadanía.