A Asemblea Aberta de Coia convoca á cidadanía a participar nunha concentración baixo o lema: “A pobreza que Caballero quere tapar con mentiras”.
O luns 23 de febreiro ás 10:30 diante do Concello de Vigo volvemos á praza do Rei, nun día de pleno municipal, para representar aquelas situacións de pobreza que o goberno municipal, e tamén o autonómico, queren tapar con mentiras e medias verdades.
Nos últimos tempos o alcalde repite como unha ladaíña esta mensaxe: “Vigo es el Ayuntamiento con más política social de España". Propaganda, mentira, simulación, manipulación... para quen sufrimos estas políticas son ideas que nos veñen á cabeza ao escoitaren as palabras de Caballero.
Din que destinan unha fartura de cartos ás políticas sociais, como se non soubesen que cada día máis persoas acudimos aos servizos sociais e alí nos atopamos co labirinto da exclusión social. Un labirinto feito a base de “non hai cartos”, de semanas de agarda por unha cita coa traballadora social, de moreas de requisitos; por nomear algúns dos atrancos que os poderes utilizan ao relacionarse coa xente máis empobrecida.
Presentamos algúns datos da política social municipal nestes anos de malgoberno:
- Vigo ocupa o posto 2.945 no Estado no ránking municipal de protección social (fonte: http://vigodixital.opennemas.com/articulo/social/vigo-ocupa-posto-2-945-...)
- As Axudas de Emerxencia Municipais (AEM) en palabras de Isaura Abelairas, concelleira de Benestar Social, sufriron unha situación de “colapso” durante meses do pasado ano até 3000 expedientes estiveron á espera de resposta. Lembremos que estas axudas de “emerxencia” están destinadas a cubrir as necesidades básicas de persoas, por exemplo: pagamento do alugueiro, recibos de luz, gas ou auga, alimentación básica...
- Neste comezo de ano o concello foi a xuízo en dúas ocasión debido á demanda de dúas compañeiras que o denunciaron ante a denegación de AEM, nun caso para vivenda e noutro para o pagamento de recibos de luz e gas. A falla de procedemento, a demora (superior a 3 meses), a falla de motivación legal... é o cotiá que sofren as persoas que acoden a estas axudas na procura de solucións.
- Insuficiente número de traballadoras sociais de atención primaria (17) que incumpre o ratio fixado na lei. A raquítica plantilla provoca longos tempos de espera polas citas, demoras na tramitación de axudas ou mesmo colapso do departamento. Porén non todos os departamentos municipais están nas mesmas condicións. Temos por exemplo 58 GOAS (os antidisturbios da policía local) case tantos como todo o persoal de benestar social contando xefes, administrativos, bedeis...
Os problemas de saúde que lles provoca esta situación levaron ao persoal do departamento á rúa ante a negativa do goberno de dar resposta as denuncias presentadas.
- Peche do programa SEREOS. O local situado preto da porta do Sol foi pechado á calada deixando a moita xente da rúa sen un punto de encontro no que se daban bocatas, café, preservativos e xiringas. Máis tarde e co apoio de Érguete (A súa presidenta Carmen Avendaño, militante do PSOE) o retoman, primeiro nunha furgoneta e desde hai pouco nun autobús en Jacinto Benavente. O peche de Sereos provocou forte rexeitamento na cidade.
- 1,2 millóns van para CEDRO, dos 30 empregados a metade están a cargo de CLECE. O lema “Mesmo traballo, mesmo salario” non lle di nada ao concello que permite que enfermeiras, traballadoras sociais, médicos... compartan tarefas pero con diferente remuneracion ao estaren algunhas a cargo da empresa de Florentino Pérez.
- Tampouco hai que esquecer a privatización dos servizos sociais. En mans de CLECE están o servizo de axuda no fogar (2.900.000) e o programa de intervención familiar (500.000). Dous programas que pasaron a mans da empresa de Florentino Pérez e que nese tránsito os traballadores padeceron cando non o deterioro das condicións laborais, a precariedade e mesmo despidos.
- O albergue municipal tamén privatizado está en mans do grupo 5. Arrebatado ao goberno municipal por anos de loitas ofrece un número de prazas insuficientes para a demanda da cidade. A xente só pode estar 10 días seguidos, logo que teñen que volver á rúa ou ás prazas que ofertan entidades privadas que teñen requisitos semellantes. O orzamento para 2015 é de 700.000 euros.