Colamos este texto da Asemblea Aberta de Coia que leva por título: "Gañamos: un ano de resistencia veciñal en Coia":
Poderíamos comezar este relato falando en clave negativa sobre o noso barrio: que foi parido ao abeiro dunha política urbanística deshumanizada, que sufriu a lacra da droga nos 80, que padeceu a reconversión industrial, que chegou a dor coa última crise do capitalismo, etc.
Pero non. Imos comezalo en positivo: foi un barrio no cal a veciñanza foi quen de buscar accións e respostas colectivas fronte ao esquecemento e as agresións das oligarquías económicas e políticas. Unha forma de seren baseada na guerra de trincheiras, de tempos lentos e obxectivos a medio prazo, de loitas nas que se consegue avanzar de posición a posición, pouco a pouco, combinando as vitorias con algunha derrota.
Unha nova trincheira escavouse hai un ano. Nun contexto de empobrecemento da veciñanza, de xentes definitivamente descolgadas desa gran falacia chamada estado do benestar, duns servizos sociais municipais colapsados ante tanta necesidade, dende o Concello de Vigo sorprendéronnos en novembro de 2014 co anuncio da colocación dun barco de gran valor histórico, o Bernardo Alfageme, na rotonda da avenida de Castelao.
Para moitos veciños do barrio supuxo un insulto, unha provocación en toda regra. Non hai cartos para pagar as axudas de emerxencia, alugueres ou recibos da luz de cidadáns empobrecidos, pero si para instalar un barco nunha rotonda.
A esperpéntica proposta municipal ademais é un paradigma do pailanismo urbanístico que promove o Concello, quen trata de transformar a cidade nun escenario de cartón-pedra (neste caso de lousas e flores) ao servizo do turista, poñendo nun segundo plano as necesidades da veciñanza. É o repetido mantra das “humanizacións”. Un claro exemplo da concepción cateta e panoca que teñen do urbanismo e o patrimonio cultural é o caso do Alfageme: asumen que estamos ante un ben cultural de primeira clase, e a mellor resposta que son quen de artellar é colocalo nunha rotonda.
Pero non perdamos o fío condutor. Ante o dispendio de cartos públicos que ía supoñer a colocación do barco, a veciñanza en asemblea decide paralizar as obras: era obsceno gastar centos de miles de euros nun proxecto esperpéntico, cando xentes do barrio non lograban cubrir as súas necesidades básicas. A nova trincheira comezouse a escavar o 4 de decembro de 2014.
Cantaba Serrat que sería fantástico que a forza non fose a razón. Ante a sinrazón do proxecto, ao Alcalde de Vigo só lle quedaba usar a forza, usando para isto unha Policía Municipal (co recentemente creado corpo dos GOA, unha sorte de antidisturbios locais) usada como forza de choque contra a cidadanía. Fronte á resistencia pasiva e a desobediencia pacífica das xentes da Asemblea Aberta de Coia, as identificacións, as multas, os acosos, as mentiras policiais foron as respostas. Pero non temos a menor dúbida dos responsables: a unha administración pouco democrática correspóndelle unha policía pouco democrática.
O conflito sobe varios graos de tensión. O gran medio de comunicación de prensa escrita local, o Faro de Vigo, toma abertamente partido a favor do Concello no conflito: resultaba moi evidente que non ía morder a man que lle daba de comer. E sobre todo, pola gran dor que supuxo para a Asemblea, comezan as detencións: Xurxo e Diego son detidos, acusados de agresión á autoridade.
Xurxo, nun xuízo rápido, foi declarado culpable é condenado a un ano de prisión e a unha multa de 1.135 euros.
Diego está pendente de xuízo. No seu caso é máis que evidente a criminalización da contestación social. Unha vez máis, unha mentira policial e unha denuncia falsa: Diego, unha cara moi visible tanto na Asemblea como noutros movementos sociais do barrio e da cidade, é acusado de agredir e tirar ao chan a un axente, cun resultado de lesión. Enfrontarase a unha petición de máis de dous anos de prisión e a unha responsabilidade civil de aproximadamente 14.000 euros.
O 18 de febreiro o Alcalde anuncia que o traslado do Alfageme vaise producir esa noite, dende o peirao até a rotonda. A concentración veciñal para impedir a saída do barco dende o porto resultou inútil ante o desproporcionado despregue policial, conformado polos UIP da Nacional e os GOA da Local.
Sobre ás 2 da mañá o barco quedou definitivamente colocado na rotonda de Coia. A nosa trincheira quedou sepultada baixo toneladas de formigón, ferro e derrota. Pero aos poucos días, recuperados do golpe, comezamos a albiscar a gran vitoria da loita da rotonda, a súa proxección de futuro.
O barco seguirá día a día no barrio, e será unha lembranza das nosas arelas:
- Queremos políticas sociais e non obras faraónicas, inútiles e inmorais.
- Lembraremos que mentres se gastaron miles e miles de euros, no barrio hai xente que non ten para pagar o aluguer ou as subministracións.
- Queremos pan, traballo e teito (aínda que como sigamos así teremos que recuperar a proposta orixinal de Lenin).
- Queremos dereitos sociais, e non esmolas.
- Demandamos ser partícipes das decisións municipais.
- Lembraremos que fronte á razón da cidadanía, atopámonos coa forza e a represión da administración.
- Lembrarémonos dunha policía local violenta e mentireira.
- Teremos presente que o conflito do barco serviu para que a veciñanza de Coia saíra das súas casas e se xuntara na rúa para pelexar (e rir, e pasar frío, e escoitar poemas,…) polos seus dereitos. (Isto vale ouro).
Gañamos.
Coia, 4 de decembro 2015
Asemblea Aberta de Coia