As compas de el Kontrapunto (Málaga) fixeron un texto sobre os Puntos de Información sobre Dereitos Sociais para a Escola Social de Verán en Movemento de Baladre que vén de rematar hai uns días en Coia (Vigo). Pensamos que o texto pode ser moi útil para achegarse a esta ferramenta e tamén para explicar o que tratamos de facer na ODS-Coia nestes últimos anos.
Os Puntos de Información sobre Dereitos Sociais
A necesidade de crear Puntos de Información sobre Dereitos Sociais xorde da falta de información extensa e exacta sobre a maioría das axudas sociais (tanto as xestionadas polos concellos como as xestionadas polas comunidades autónomas).
É un mundo caracterizado polo escurantismo e as subxectividades do persoal técnico, cando debería distinguirse polos prazos e os procedementos concretos.
Alén diso, a creación destes puntos informativos pretende dotar de dignidade as persoas que recorren a estas axudas, ao considerar que ditas axudas son dereitos e non obras de caridade.
O primeiro punto informativo xorde na Asemblea de Parados/as de Gasteiz (nos anos oitenta) e, deseguido, xorde o punto de Berri Otxoak. Posteriormente, apareceron outros en Asturias (Alambique); Galicia (Coia) etc.
Estes puntos, ademais de informar, póñense á disposición das persoas por se se considerase oportuno pasar á denuncia pública e á reclamación política.
Os obxectivos principais dos Puntos de Información son:
‒Informar realmente das axudas sociais e de como conseguilas.
‒Romper coas estatísticas e informar a opinión pública da situación real.
‒Crear unha dinámica de mobilización, de denuncia pública e de autoorganización da xente afectada.
‒Exixir maior celeridade á hora de conceder as axudas.
‒Poder realizar análises máis próximas ás situacións de exclusión social e poder denunciar ditas situacións.
‒Popularizar máis as axudas sociais para lograr que desapareza a estigmatización das persoas empobrecidas, paradas ou pensionistas etc. Por outra parte, lograr que estas axudas abrangan cada vez máis persoas e que poidamos chegar a unha Renda Básica individual, incondicional e universal.
O traballo concreto realizaríase da seguinte forma:
‒ Traballo na rúa (polas mañás) nas oficinas do SPEE (antigo INEM), dos servizos sociais etc. repartindo panfletos sobre o Punto de Información e tentando establecer un diálogo co público.
‒ Establecemento dun espazo-punto de atención, información e traballo colectivo sobre dereitos sociais. Seriamos dúas persoas en cada quenda.
Tentarase que as persoas coas que se contacte polas mañás se acheguen ao punto pola tarde para buscar solucións colectivas (entre todas) aos problemas que se expoñan.
A entrevista iníciase coa presentación do Punto de Información. Nesta presentación exporanse as razóns que levaron ao colectivo de persoas afectadas pola pobreza a facer o que as administracións públicas non queren facer. Ademais, cómpre pór énfase en que nosoutras non manexamos orzamentos nin ofrecemos axudas.
Aclararemos de partida á persoa interesada que todo itinerario de solicitude nos Servizos Sociais a conducirá ante un/unha traballador/a social, a quen lle terá que expor a súa situación.
Advertiremos de que a relación cos servizos sociais, INEM e outros organismos públicos se converte nunha carreira de obstáculos. Á persoa interesada, espéralle unha recompilación dun gran número de papeis; unha vez advertida disto, deberá expor a súa situación. Se os seus problemas desbordan o tema económico, explicámoslle os límites do noso labor.
Previremos a persoa interesada das preguntas sobre a súa vida privada que pode formular o/a traballador/a social.
Expoñerémoslle as axudas que ten ao seu dispor de acordo co explicado e os atrancos que pode encontrar.
Con esta información obtida fariamos unha ficha mínima e logo teriamos que establecer a coordinación telefonicamente entre as persoas que atenden, dado que unha mesma persoa con problemas podería acudir máis dun día.
En canto ao acompañamento para realizar as xestións en organismos públicos, tentariamos contar cunha listaxe de persoas colaboradoras das que botar man, polas mañás, para estas tarefas.