redistribuír

Movéndonos polo dereito a vivir dignamente, movéndonos pola RBis! Con este lema as xentes de Baladre e colectivos parceiros avanzamos a programación da 1ª Semana Galega pola Renda Básica das Iguais.

O pasado mes de decembro, co galo da presentación en Compostela do libro “Repartindo a nosa riqueza”, que expón os resultados do estudo de viabilidade da RBis en Galiza, as persoas que vimos dinamizando a proposta no noso territorio decidimos dar uns cantos pasiños máis.

De cara a xerar debate sobre a utilidade desta ferramenta a hora de dar resposta á precarización que afoga a cada vez máis persoas – segundo os últimos datos do IGE, ao remate do 2012, seis de cada dez fogares galegos recoñecían a enorme dificuldade que supón chegar a fin de mes-, e a gravísima situación de exclusión na que se atopan outras moitas, propuxémonos movernos polo dereito a unha vida con dignidade e igualdade.