En tránsito (breve repaso do curso 2013/14)

Estamos en setembro e non queremos comezar o curso 2014/15 sen botar unha ollada ao que fixemos nos últimos doces meses.

Sen tratar de sermos exhaustivos aí van algunhas cousas:

- Asembleas quincenais en Coia os martes ás 17h00.

- Atencións no punto de información sobre dereitos sociais, reforzado este curso pola presenza de Esther e Raúl que abriron terreo na loita polos dereitos de todas desde o Dereito.

- Xuntanzas e contactos con colectivos e persoas diversos: sindicatos, partidos políticos, ONGs, profesionais do social, responsables do departamento de Benestar Social do concello, delegada da Xunta en Vigo, responsables da oficina de emprego...

- Accións de rúa diante do concello, da Xunta...

- Elaboración de textos de denuncia e opinión sobre as políticas sociais: Axudas de Emerxencia Municipais, RISGA...

- ILP pola Renda Básica: mesas de recollida de sinaturas, charlas...

- Encontros e formación: peche de 12 horas, Vilán, marchas de Baladre...

Todo isto con moito contacto humano, o cal ás veces trouxo tensións e sufrimento con colectivos e persoas, pero sobre todo a ledicia de ver que xuntas imos construíndo espazos cheos de vida en medio da crúa realidade que nos deixan os poderes.

Queremos compartir algunhas olladas, algunhas intuicións que estannos a resultar útiles nesta andaina colectiva:

- Comprender a realidade. Entender e facerse cargo -en común- da mala vida que nos deixa o sistema é o punto de partida para esixir e loitar polos dereitos de todas. Entender que os intereses dos distintos poderes están detrás das respostas que recibimos nos servizos sociais, nas oficinas de emprego, en FENOSA... é moi necesario para rachar coas dinámicas de autoinculpación que lles interesan aos que mandan e que tanta dor provocan no día a día de moitas.

- Coñecer os nosos dereitos. Ao poderes non lles interesa que esteamos informadas, saben que canto máis dependencia teñamos deles máis doado será o control. Polo que poñer en común os coñecementos que temos sobre o mundo das axudas sociais é moi importante para esixirmos os nosos dereitos con firmeza, ben sexa nunha entrevista coa traballadora social, presentando unha alegación polos elevados prazos de resolución, nunha xuntanza coa concelleira da área...

- Apoio mutuo. O cotiá en demasiadas ocasións está marcado polo illamento, a soidade, a superficialidade, a frialdade, a vulnerabilidade, pola evasión... Estamos convencidas, e o estamos a padecer, de que deste xeito pouco podemos construír. A sorte que estamos a ter moitas de nós é poder facer a vida en común, fortalecendo os lazos comunitarios e experimentando xa con outras formas de vida afastadas da ilóxica que se nos vende como única posible.

 

Coia, setembro 2014