Dámoslle difusión a concentración en SOLIDARIEDADE cos TITERITEIROS. Será este venres 12 febreiro ás 20:00 diante do MARCO (Vigo).
Vai o texto de convocatoria deste acto que apoiamos:
Diversos colectivos da cidade queremos amosar a nosa condena á detención e encarceramento o pasado 5 de febreiro de Raúl e Alfonso, integrantes da compañía “Títeres desde Abajo” pola representación da obra satírica “La bruja y Don Cristóbal”.
Parécenos intolerable a actuación do Xuíz da Audiencia Nacional que decretou de forma inmediata a prisión provisional e sen fianza dos artistas, baixo a acusación de enaltecemento do terrorismo e apoloxía da violencia, por amosar, entre outras cousas, na obra, unha pancarta co lema “Gora alka-eta” e representar o aforcamento dun monicreque caracterizado de xuíz.
Esta actuación por parte do estado e do seu “aparato xudicial”, supón unha mostra, gravísima e desproporcionada, do proceso de criminalización que está a sufrir a loita e a denuncia social.
Asistimos estupefactas á utilización política da xustiza por parte do poder, ás detencións de compañeiras polo mero feito de berrar contra este sistema que nos oprime, ás montaxes policiais contra as “disidentes”, á represión pola forza da liberdade de expresión,…
Estamos fartas de que nos criminalicen e nos esmaguen. En solidariedade con todas as represaliadas do Estado, esiximos o arquivo dos cargos contra os artistas.
Pola xustiza social. Pola liberdade de expresión. Contra a represión.
Amnistía social xa!
Vigo, 10 de febreiro