O xoves 19 de xaneiro ás 11h00 a asociación veciñal de Teis, Os ninguéns e nós convocamos unha concentración ás portas da unidade de traballo social de Teis/Travesía (Dr. Corbal 21). Desde hai máis de dous meses esta oficina pecha xoves e venres por falta de persoal. Desde a casa do concello non están a cubrir os postos de auxiliares e bedeis situación que deixa a veciñanza da zona sen un servizo esencial sendo encamiñados até o edificio do concello.
A falta de persoal tradúcese en anos de demoras nos servizos sociais municipais. O número de traballadoras sociais é insuficiente o cal convértese en demoras e atrasos na tramitación de prestacións sociais básicas para o devir de moitas persoas.
Ante isto facemos unha chamada a non calar e a loitar por unha cidade na que os cartos de todas vaian a cubrir necesidades básicas. Cómpre defender o dereito a ter información e atención social nos nosos barrios.