Levamos seis meses de Ingreso Mínimo Vital (IMV) e o Concello de Vigo aínda non foi quen de garantir que as beneficiarias desta renda accedan á tarxeta social de VITRASA. Ordenanzas e contratos sempre son difíciles de modificar cando as mudanzas supoñen novos dereitos para a veciñanza.
Neste intre, quen cobra a RISGA ou unha Pensión Non Contributiva (PNC) pode acceder á tarxeta social, mentres que as -escasas- beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital teñen que pagar o transporte público.
Montar nun vitrasa custa 1'35€ por viaxe, 0'89€ para quen teña a passvigo. Existen bonificacións para algúns colectivos: universitarias (0'67€), estudantes (0'87€), perceptoras de subsidios por desemprego ou RAI (0'69€). As pensionistas non pagan.
Dentro do colectivo de pensionistas atopamos ás perceptoras da RISGA, así como ás beneficiarias da extinta prestación por filla á cargo da Seguridade Social que desapareceu coa chegada do IMV. Para acceder a tarxeta social as solicitantes teñen que acudir ás instalacións de VITRASA ou á casa do concello e presentar a documentación requirida. Cada ano teñen que renovar a tarxeta entregando os documentos pertinentes.
O rebumbio no lanzamento do IMV deu paso a unha chea de atrancos que apagaron as boas expectativas iniciais: demoras, denegacións, silencio administrativo, requirimentos incomprensibles, etc. O Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) recoñecía que 7.210 fogares galegos percibían o IMV, no mes de outubro, dos cales 2.278 estaban na provincia de Pontevedra. Tirando polo alto, ao redor de 2.000 beneficiarias viven en Vigo e non poden acceder á tarxeta social do autobús por mor da desidia, desinterese ou xa non sabemos como tachar a postura do goberno municipal.
A inacción do goberno de Caballero neste asunto, choca co apuro que tiveron (no mes de xuño días antes da entrada en vigor do IMV) para prorrogar a concesión do transporte público durante cinco anos máis a VITRASA. Á calada e sen elaborar un novo prego que dera solución ás moitas eivas do transporte público.
Non esquecemos que quen enche a boca falando de “Vigo” está a convertela nunha cidade “friendly” para os negocios dos grandes capitais: Aqualia FCC enche os petos coa auga de todas, Servisar (do grupo Domusvi) xestiona o servizo de axuda no fogar e MOBILITY ADO xestiona o transporte público. Coller os orzamentos municipais é atopar unha relación de contratos con empresas transnacionais coas súas gadoupas en todas as concellerías.
Retomando a cuestión da mobilidade, reclamamos a urxente modificación da ordenanza. Esiximos que as beneficiarias do IMV poidan acceder á tarxeta gratuíta de autobús. Aproveitamos para reclamar que “quen non ten, non paga”. Reclamamos que este lema fágase extensivo a todas as políticas municipais: actividades deportivas, taxas, servizos...
Coia, decembro 2020
ODS-Coia