A ODS-Coia e GAS lanzamos a campaña que leva por título: "Os nosos dereitos si marchan de vacacións!".
Dereitos sociais, como ter as necesidades vitais cubertas, pérdense ante a escasez de orzamentos, o endurecemento dos requisitos de acceso, os retrasos... Por iso non permitiremos que marchen para non volver! Deixamos a continuación o texto da campaña e o díptico por si o queredes descargar:
:: Os nosos dereitos si marchan de vacacións! ::
Estamos en verán! É tempo de vacacións...
O capitalismo fai grandes e diversas ofertas para o lecer, todas elas baseadas no consumismo. Iso, para quen conserve o posto de traballo ou recursos suficientes, xa que a moda é que as vacacións as collan tamén os nosos dereitos. E ademais para non volver...
Nunha situación moi difícil no mercado laboral, coas cifras do paro chegando a cotas escandalosas e deixando a moita xente ao borde da pobreza, a crise segue a ser a escusa perfecta para recortar dereitos sociais e laborais. A política social queda así espida, amosando as súas vergoñas: mentres se publicitan ata a saciedade medidas illadas e puramente efectistas coma as “axudas zp”, preténdense eliminar as máis básicas conquistas laborais e desmantelar servizos sociais coma a sanidade, así coma as prestacións sociais.
Dende hai tempo vimos dando a voz de alarma ante os graves problemas que sofren dúas delas: a RISGA (Renda Integración Social de Galiza) e as AES (Axudas de Emerxencia Social). Lembramos que, sobre o papel, estas axudas están destinadas a cubrir as necesidades básicas daquelas persoas ou familias que carecen de ingresos, ou que os teñen nunha cantidade insuficiente. Pero nos últimos meses recibimos informacións todavía máis preocupantes:
- Segundo as propias traballadoras de benestar social da Xunta, os problemas relacionados coa RISGA e as AES que se veñen repetindo ao longo de todo o ano e que poñen en perigo o día a día de moitas familias, teñen a súa orixe no esgotamento dos orzamentos para estas partidas. Malia que polo momento non supuxeron a interrupción das mesmas, si se fixeron máis duros os requisitos de acceso. Exemplos disto son: a implantación da esixencia de seis meses de padrón para acceder ás AES, os recortes en conceptos como saúde, ou que a Xunta faga requirimentos ás traballadoras sociais de máis informes e nos que pide moito máis detalle das nosas vidas.
- A escandalosa acumulación de retrasos nos servizos sociais do Concello, malia terse ampliado a súa plantilla. Provoca que unha cita poida chegar a demorarse ata tres semanas, que informes sociais necesarios para multitude de prestacións (RISGAS, AES, axudas para persoas dependentes...) tarden meses en facerse, etc. Isto provoca que moita xente teña que recorrer ás organizacións de beneficencia (que se ven desbordadas) na procura das axudas que as administracións públicas non lles conceden ou polas que teñen que agardar meses.
E todo isto mentres se continúan a malgastar millóns e millóns dos nosos cartos na organización de fachendosos eventos como o Xacobeo (tan só a visita do Papa custaranos catro millóns de euros) ou o Festival Aéreo de Vigo, contentando a elite da igrexa católica e ao empresariado que se lucra cos empregos case escravistas da industria do turismo. E mentres as infraestruturas máis mediáticas e falsamente necesarias, coma o caso do AVE ou a macrodepuradora, superan todo tipo de retrasos e atopan o financiamento que se lle nega a outro tipo de necesidades.
Entretanto, Vigo segue sen ter un albergue público para as persoas sen fogar. Coma se dun espectáculo circense se tratase, os socios de goberno fan cabriolas cos posibles emprazamentos, desdicíndose das súas palabras e acordos, enfrontándose á veciñanza, etc. Todo para quedar como estabamos; sen albergue, pero, iso si, con beirarrúas de granito e bancos novos nos que dá gusto pasar a noite!
Vigo, agosto 2010
ODS-Coia (Oficina Dereitos Sociais -Coia) e G.A.S. (Grupo de Axitación Social)