"A axuda alimentaria e 21 millóns de quilos de maquillaxe", Isa Álvarez

O Estado Español non aparece nos mapas da fame. O norte civilizado reflicte conxuntamente “América do Norte e Europa” nas estatísticas mundiais do informe SOFI coas que anualmente a FAO reconta as millóns de persoas que non se alimentan de modo adecuado. As súas cifras, en relación ás de África ou Asia son infinitamente menores, polo que non son países a destacar na loita contra a fame e a malnutrición. Isto é porque, tal e como xustifica a propia FAO, son países que contan xa con sistemas sociais que poden garantir un acceso aos alimentos. Considérase que neses países existe a chamada “seguridade alimentaria” polo que non é necesario chamar a atención sobre eles.

Mentres isto é así, o Estado felicítase por recoller 21 millóns de quilos de produtos non perecedoiros na gran recollida solidaria levada a cabo polos bancos de alimentos. Van para Somalia? Etiopía? Nixeria? Non. Van para os barrios periféricos de moitas das nosas cidades, para familias que non teñen con que alimentarse aínda que non forman parte das estatísticas globais e tampouco dos imaxinarios locais. 21 millóns de quilos de produtos serven para encher titulares e felicitar ao país pola súa solidariedade. Isto si que é mirar ao dedo en lugar de cara a onde apunta. Felicidades por que? Segundo os datos do INE un 22,1% da poboación vive por baixo do limiar da pobreza e ao parecer, o levar un prato de comida á boca depende da boa vontade da cidadanía, en lugar dos responsables políticos. O dereito humano á alimentación está fóra das nosas linguaxes. A gran solidariedade e o espírito do Nadal serve de cortina que agocha o que supón que un país conte con axuda alimentaria e que esta dependa de vontade e caridade cristiá.

Como todo gran tema, este ten varias arestas. A primeira, xa mencionada, sería onde queda o dereito humano á alimentación? Está recoñecido e asinado polo Estado Español, o cal é responsable de garantir a súa consecución. Aínda que sabemos que os dereitos humanos cada vez están menos de moda neste país, non está de máis resaltar este feito. Esta responsabilidade cóbrese hoxe en día asumindo un 15% de cofinanciación nos plans europeos de axuda alimentaria e xestionando as licitacións dos produtos comestibles que chegan a través desta canle. O obxectivo principal debería ser alimentar ás persoas, pero isto reduciuse a cubrir urxencias e encher estómagos con produtos non perecedoiros esquecendo que os produtos frescos son fundamentais para unha nutrición adecuada, máximo no caso de persoas que dificilmente contan con máis dunha comida decente ao día, no mellor dos casos. Pero neste país os dereitos da cidadanía foron substituídos polos dereitos das consumidoras e consumidoras son quen ten un vale de compra. Se non es consumidora, non tes dereito a queixarche. Isto dáse en todas as esferas da axuda alimentaria. O banco de alimentos reparte o que ten e os servizos sociais reparten cartóns e bonos de compra para grandes cadeas de supermercados, marcando os produtos que si e os que non se poden adquirir. As persoas que perciben estas axudas están absolutamente excluídas da esfera de dereitos, incluído o dereito á alimentación e o dereito á queixa. Como di o devandito “tanto tes, tanto vales” e os dereitos hoxe en día convertéronse nun luxo para quen vale pouco nesta sociedade.

Outra aresta para considerar é a quen alimentan principalmente estas campañas de recollida de alimentos. Esas licitacións, tramitadas desde o Estado Español, benefician a grandes empresas que, a través da axuda alimentaria, canalizan os seus excedentes. As campañas “xenerosas” das grandes superficies non están exentas de beneficios, xa que as súas doazóns contan con cuantiosos descontos na súa conta de impostos anuais. Por tanto, parece que moita xente gaña e son sempre as mesmas as que perden. A gran superficie, ademais do que vende grazas á conciencia e xenerosidade das cidadás que cren que con esa doazón contribúen a solucionar algún problema, consegue importantes descontos nos seus impostos ademais dun lavado de imaxe solidaria difícil de conseguir con outra campaña publicitaria. E mentres tanto, os medios de comunicación corean e felicitan o gran espírito solidario que reina no país por Nadal.

A cuestión é que hoxe en día esa axuda alimentaria é caridade. O dereito humano á alimentación non se respecta nun país que se di “civilizado” e no que hai moitas persoas que pasan fame todos os días. Por se isto fose pouco, a comida á que teñen máis acceso non é a máis saudable. Mentres as tendas de produtos ecolóxicos e os mercados de produtoras (reducidos a folclore nalgúns concellos) vanse ao centro das cidades, os supermercados con grandes descontos vanse á periferia. Alí destrúen o pequeno comercio, o que aínda fía a quen non pode pagar no momento, substituíndoo por ofertas e descontos en produtos que apenas hai que cociñar e que, a través das marcas, alimentan nas máis excluídas a sensación de ser cidadá do mundo. Estes produtos teñen poucos nutrientes, pero para alguén que ten que medir os minutos de enerxía que pode empregar en cociñar, resolven a súa necesidade inmediata. Hoxe en día, os principais índices de obesidade infantil e diabetes están en nenos e nenas con menos recursos, xa que enchen os seus estómagos de azucres e graxas provenientes de produtos comestibles pero non nutritivos. A pesar diso, as que peor alimentadas están seguen sendo as mulleres. Sobre elas seguen recaendo a responsabilidade da alimentación nos fogares, froito dunha desigual división de papeis na que lles tocan os coidados, incluída a alimentación. Por iso, por esa responsabilidade e a angustia de non poder chegar a cumprir a función asignada de alimentar ben á familia, son as últimas que comen, se o fan, e as que cargan co principal sentimento de culpa de ver aos seus seres queridos mal alimentados.

Nesta situación é importante sinalar que, aínda que con menos escaparate mediático, existen outras canles de acceso a alimentos para as persoas con menos recursos. Cada vez máis, seguramente por padecer decote esta falta de dereitos, as persoas “excluídas” están a organizarse para poder producir os seus propios alimentos. Ben en hortas urbanas ou ben recorrendo a redes co medio rural, concluíron que a solución pasa polo colectivo e por volver ollar á terra. As políticas públicas non as teñen en conta e, por que non dicilo, moitos movementos sociais que traballan ao redor da alimentación míranas pouco. Decidiron que, ao non ser a prioridade de ninguén, deben priorizarse elas mesmas. Entenderon que a caridade non é a forma e incorporaron a soberanía alimentaria entre os seus obxectivos. Alimentarse e nutrirse con produtos frescos, sans e diversos non debe ser un luxo, senón algo prioritario e accesible para toda a sociedade, en definitiva, un dereito. As fórmulas para a súa consecución han de priorizar os dereitos e necesidades das persoas, non o ánimo de lucro nin a necesidade de canalización de excedentes das grandes empresas. Atopar fórmulas colectivas entre o medio rural e urbano para lograr a consecución do dereito á alimentación das persoas con menos recursos, é un paso imprescindible e hoxe aínda ausente para quen constrúo desde a agroecoloxía e cara á soberanía alimentaria. Faltan fórmulas que consigan chegar a facer partícipes ás persoas con menos recursos de moitas das iniciativas que se puxeron en marcha nos últimos anos no mundo agroecolóxico. Salvo excepcións, poucas persoas de barrios periféricos participan en grupos de consumo, cooperativas agroecolóxicas ou redes pola soberanía alimentaria. Os produtos ecolóxicos, en moitos casos, convértense en reclamo en tendas delicatessen, inaccesibles para o común dos mortais e nunca forman parte da axuda alimentaria. Por todo iso, é necesario revisar desde arriba, mirando as políticas públicas, ata abaixo, nos movementos sociais, como e quen se alimenta nesta sociedade e, sobre todo, quen non poden chegar a facelo.

Decembro 2017

---

Artigo en castelán > http://www.coordinacionbaladre.org/noticia/la-ayuda-alimentaria-y-21-mil...