Abonda xa de represión! Vigo solidarízase cos titiriteiros

O xoves varios colectivos da cidade xuntámonos nas escadas do MARCO para amosar a nosa solidariedade con Alfonso e Raúl. Eles foron detidos i encausados por representar unha obra satírica de monicreques nas festas de Entroido de Madrid. Para os poderes son terroristas, criminais. Moita xente saímos ás rúas nestes días para manifestar a nosa disconformidade con esta medida, para amosar a nosa solidariedade con eles para denunciar que non aguantamos máis represión. Fronte isto algunhas esiximos Amnistía Social XA!

Deixamos o manifesto lido o pasado xoves na convocatoria de Vigo:

Todas terroristas! Todas criminais! Todas perigosas!

Titiriteiros, precarias, sindicalistas, independentistas, anarquistas, rapeiros, estudantes, xente que para despexos ou que loita polos dereitos sociais nunha rotonda. O mesmo da para eles. Calquera que se organice, que cuestione o sistema , que loite polos dereitos é un perigo. E non dubidan en empregar a represión, o medo para tratar de acalar as loitas das que, dende abaixo, pulan por outras formas de vida.

Os colectivos que convocamos esta concentración amosamos todo o noso apoio para Alfonso e Raúl, os dous titiriteiros detidos e acusados de enaltecemento de terrorismo e apoloxía da violencia por representar a obra “La bruja y Don Cristóbal”. Para eles e para os seus familiares e amizades todo o noso agarimo e apoio.

Cualificamos de intolerable a actuación da mal chamada xustiza española e lamentamos uns feitos que cheiran a ditadura.

Abonda xa de represión! Esiximos que arquiven o caso destes dous compañeiros. Esiximos tamén que deixen a un lado a violencia e a represión fronte a quen defende os dereitos.

Esiximos que desboten as “leis mordaza” e que realicen unha amnistía social para as persoas que foron e son criminalizadas por defender a xustiza social ou coma neste caso, por expresar a través da arte a súa disconformidade co orde establecido.

Absolución para os titiriteiros! Pola liberdade de expresión! Contra a represión! Amnistía xa!

Vigo, 12 febreiro 2016

Asemblea Aberta de Coia | ODS-Coia | G.A.S. | Vigo contra Represión | CNT Vigo | CSOA “A quinta da Carmiña” | Verdegaia | Os verdes | PAH Vigo Tui-Baixomiño | Os ninguéns | RSP Vigo | C.S.A. A Cova dos Ratos | C.S. O Fuscalho | C.S. Faisca | Árbore | Ceivar | As Ghatas Salvaxes | CS A Revolta

- - -

Videos: https://www.youtube.com/watch?v=8mAg3H6w0W0

https://www.youtube.com/watch?v=thF42kf_pDA&feature=youtu.be