A ODS-Coia e o G.A.S. convocamos o mércores 28 de setembro unha concentración baixo o lema: Contra a criminalización da pobreza. Será en Nigrán, diante do concello na praza da Constitución a partires das 11h00. Imos até este municipio para amosar o noso apoio a unha compañeira, perceptora de RISGA, que denunciou o trato recibido polos servizos sociais desa localidade e para visualizar o control e a estigmatización que padecemos aquelas que recibimos prestacións sociais.
Máis alá da mala praxe dunha traballadora social queremos denunciar a imaxe deformada que o poder traslada das perceptoras de axudas sociais. Queren crear a imaxe de que defraudamos, enganamos, vagueamos... e todo para vivir dunhas administracións que só ofrecen faragullas. Fan ruído para que non escoitemos os recortes, as privatizacións de servizos públicos ou a chegada dun modelo baseado no asistencialismo privado.
Fronte ao mal reparto esiximos dereito sociais fortes e medidas que garantan unha vida digna para todas as persoas. Renda Básica das iguais e moito máis!