Publicamos "Concello de Vigo: Máis cheque social?" texto que asina Pablo Eifonso e que o recollemos do facebook de Vigoblog En Vigo. Pensamos que este texto pode animar reflexións moi necesarias para a cidade en moitos e diversos terreos.
Concello de Vigo: Máis cheque social?
Penso que o cheque social non é ningunha solución -nin tan sequera a curto prazo- e, de feito, pode acabar sendo un elemento contraproducente. De feito, teño a impresión de que o acaba é producindo é substitución dos servizos por unha sorte de caridade pública.
Algo disto xa se pode albiscar coa desfeita que a extensión deste cheque ten producido nos xa debilitados (e penso que mal enfocados) servizos sociais do Concello de Vigo.
A crise na nosa cidade vén acompañada das consecuencias, no que respecta á prestación de servizos á poboación, da grave irresponsabilidade dos sucesivos gobernos municipais que malgastaron os recursos públicos en obras de cara a galería, en alimentar ás empresas de sempre na concesión dos grandes servizos públicos (xestionados subordinando os intereses xerais aos do puro e duro aumento de beneficios privados) [resulta sorprendente a nula resposta social á ampliación en cinco anos da concesión do servizo de abastecemento e saneamento de augas a FCC, a cambio de millonarias obras de "humanización" disfrazadas de obras hidráulicas].
Nestes anos tanto os servizos sociais coma os culturais e educativos, que representan unha clara retribución indirecta aos sectores máis desfavorecidos da poboación, non foron debidamente atendidos, gastando gran parte dos recursos en actos de cara á galería que carecen de virtualidade para xerar un tecido público de apoio perdurable e sostible: desmesurados actos culturais dun día, os fastos da Volvo Ocean Race, da Universiada, subvencións ao Celta, pseudopromoción turística, becas de inglés (sen as debidas correccións en función da renda), equipamentos innecesarios (Pinacoteca, Centro de Fotografía) [mentres os escasísimos museos da cidade quedan definitivamente afundidos], etc etc. Sempre acompañados de millonarios gastos en contratacións de servizos a empresas de publicidade "amigas" e subvencións máis ou menos encubertas a "mercenarios" medios de comunicación locais (Faro de Vigo, Televigo, Localia) a cambio de fidelidade ao que paga.
O adormecemento da poboación, traballada dende tempos de Portanet (con Manoel Soto como alumno destacado) coa cantinela do viguismo, estaba asegurada. Amplificado dende eses medios de comunicación e cunha oposición só á espera de poder facer o mesmo e con nula capacidade de análise e proposta, o prato estaba servido. Os de sempre seguían zugando o diñeiro da antiga produción industrial que ían á vez afundindo, mentres a calor da especulación urbanística contentaba aos sectores da promoción inmobiliaria e alimentaba aos parasitos que servían aos seus intereses no Concello (a historia do último PXOM é sumamente significativa da alianza de feito dos distintos partidos que ocuparon o poder municipal cos especuladores).
Todo rodeado -especialmente coa actuación de Abel Caballero- dunha demagóxica política de suposto non endebedamento que agocha realmente a incapacidade de realizar un gasto socialmente produtivo.
Este escenario de deserto nos servizos básicos e esgotamento das arcas municipais, de ausencia de calquera planificación estratéxica e dunha participación cidadá distinta á do caciqueo local, é o que agora nos atopamos.
Centrar a resposta a este estado de cousas no aumento do cheque social é un erro, dende o meu punto de vista, que non debemos cometer. Non parece de recibo que apoiemos que se dean exiguos e transitorios cheques para alugueiro de vivenda e permitamos que o Concello venda os 40 pisos de Rosalía de Castro dos que é propietario, para financiar os terreos para a Cidade da Xustiza que en xustiza tiñan que ser financiados pola administración autonómica con cargo á débeda histórica que ten con esta cidade. Non parece lóxico que deamos cheques individuais para alimentación (para hoxe, fame para mañá), cando os comedores escolares públicos se deixan esmorecer e se confía a súa xestión a ao voluntarismo dunha meritoria federación de pais e nais, en lugar de acometer (con moitos menos cartos dos que constan uns quilómetros de humanizacións ou de fastos varios) unha planificación que inclúa a construción de novos comedores, a dignificación das instalacións dos actuais e a profesionalización da súa xestión.
Non ten unha maior sostibilidade crear e dotar servizos bibliotecarios (nunha concepción ampla deste equipamento como de apoio á elevación do nivel cultural da poboación e dxs estudantes) que dar cheques individuais para libros?
Non pode, non debe, ser a función social do Concello establecerse como unha entidade caritativa pública, senón a de retribuír á poboación máis necesitada con servizos que lles permitan afrontar a crise de forma comunitaria e digna, cun medio ambiente saudable, coa creación e potenciación de lugares de encontro que favorezan a autoorganización e a solidariedade, con servizos sociais de acompañamento e asesoramento ben dotados e eficaces, coa creación de prazas de calidade de gardería pública, cun transporte público barato e eficiente (en lugar de seguir mantendo a vergonzosa concesión blindada de Vitrasa), con edificios escolares que permitan unha experiencia vital e educativa digna, compensatorios das necesidades das familias con menos recursos...
Non, creo sinceramente que non se trata de aumentar os fondos para os cheques sociais, que non supoñen máis cá un transitorio e ridículo pan (pouco) para hoxe e fame para mañá (adubiados da vergonza que supón o sometemento público a unha burocracia humillante -con fotos e entrevistas a beneficiarios incluídas-). Un proceso que non so acabará cos pobres servizos sociais existentes, asfixiados polo procedemento de avaliación e concesión das axudas, senón tamén coa lexitimación da protesta, afogada no debate de se se empregan máis ou menos millóns no reparto e na debilidade de non ter alternativas dunha maior complexidade e sostibilidade.
Neste contexto penso que cómpre variar a estratexia, partindo dun honesto diagnóstico do mapa de servizos que ten o Concello de Vigo, de detectar e denunciar -con tolerancia cero- o malgasto dos recursos públicos (ese é o valor simbólico da loita de Coia nestes días).
Sen irmos máis lonxe, agora mesmo, sen que se albisque a máis mínima oposición ou análise, vanse adxudicar 300 millóns de euros na ampliación da ponte de Rande e outros tantos no desdobramento do corredor do Morrazo? Dúas obras que non acometen ningún problema real da poboación nin arranxan os verdadeiros problemas de mobilidade e accesibilidade ao Morrazo. Ningún problema que non se puidese solucionar coa axeitada planificación do tráfico de ria: ese transporte, rápido, limpo e sostible abandonado dende hai décadas a favor dos intereses das grandes construtoras, dos xestores que adxudican as obras e da industria do automóbil. 600 millóns (que serán moitos máis ao remate do proceso) que ben poden financiar un auténtico plan de servizos públicos permanentes.
Son só unhas reflexións para fomentar un debate que considero imprescindible para que se rache co calello sen saída da reivindicación de máis malas parcheadoras axudas individuais. Nesa loita gañarán os de sempre, substituíndo caridade, mais ou menos xenerosa por autentico servizo público.
Aclaración: as axudas individuais para casos de emerxencia son necesarias, pero penso que deben ser outras administracións e outras medidas políticas as que as que debemos reivindicar (a Renda Básica Universal, por exemplo).
Un saúdo
Pablo Eifonso da redacción de Vigoblog En Vigo