Non esquecemos que seguimos sen o decreto que ten que desenvolver a lei da RISGA, vixente dende o 1 de xaneiro de 2014. A Xunta vai para récord e acumula 4 anos de atraso na súa publicación. As últimas novas neste senso foron a publicación, nos últimos meses de 2017, do proxecto deste decreto. Tras as numerosas alegacións presentadas, o documento está no conxelador mentres a consellería argalla a seguinte manobra propagandística.
Este silencio, perpetúa a violencia. Nós vivimos na pobreza por mor das súas políticas que afondan na desigualdade. Mentres o sistema premia a uns poucos que teñen cada día os petos máis cheos, a maioría sufrimos a dobre condena de vivir privadas duns mínimos e de sermos sinaladas como responsables da nosa situación pola ideoloxía neoliberal.
Malia o complicado do escenario, cada vez máis persoas e colectivos na Galiza organízanse e alzan a voz contra as políticas miserentas. É unha cuestión de supervivencia, nos nosos barrios e vilas a situación tórnase insostible. O paso do tempo só empeora situacións. Só no barrio, dúas compañeiras pendentes de despexo e moitas que malviven sen ingresos ou que tremen de medo cando reciben unha notificación da Xunta reclamándolle unha documentación que pode poñer en risco a faragulla que reciben.
A aprobación do Decreto podería utilizarse pola Xunta coma ferramenta para “alixerar” os requisitos de acceso á RISGA e ampliar as persoas e situacións beneficiarias da mesma, así como para permitir un pequeno aumento da súa contía mensual. Porén a Xunta volta a utilizar como resposta o silencio, a inacción e a desidia cando de aumentar beneficios se trata; mentres desprega todo o aparataxe burocrático, cando se trata de restrinxir dereitos.
Por todo isto, volvemos a esixir dereitos sociais. Seguimos na loita por conseguir a Renda Básica das iguais e moito máis!
Vigo, maio 2018
ODS-Coia