XI SEMANA DE LOITA CONTRA AS FRONTEIRAS: Sen papeis non hai dereitos!

Un ano máis, as colectivas e individualidades que conformamos o Foro Galego da Inmigración queremos visibilizar as violencias que entraña o sistema de fronteiras e as políticas migratorias para as vidas e corpos das persoas migrantes.

Desta volta centrarémonos nos procesos de autoorganización e loita migrante. E farémolo a través dun dos seus exemplos máis importantes como é a campaña liderada polo movemento estatal RegularizaciónYa. Un proceso que logrou un feito histórico: acadar máis de 700 mil sinaturas para unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que busca a regularización das persoas migrantes que residen no estado español. Unha iniciativa que conta co apoio de máis de 900 organizacións sociais, 14 mil persoas voluntarias, 18 comités territoriais e 83 mocións de apoio en diferentes concellos (incluíndo Santiago de Compostela, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, Tomiño, O Rosal e A Guarda) e que agora mesmo está a atravesar os trámites para chegar ao debate parlamentar.

Coñeceremos da man de Papalaye Seck, portavoz de RegularizaciónYa, como se desenvolveu esta campaña, os principais logros, dificultades e desafíos enfrontados. Tamén como se prevé este último empuxe de incidencia política para lograr o obxectivo de recoñecer dereitos a quen xa vive no territorio español e exerce actividades esenciais como o emprego do fogar e dos coidados e o traballo agrícola. Seck tamén nos partillará a experiencia do proxecto Top Manta, do que forma parte. Unha cooperativa de confección de roupa e calzado que se define como "a marca social e solidaria do colectivo manteiro de Barcelona", e que leva regularizado a decenas de persoas en situación irregular ademais do traballo de incidencia política e de creación artística desde as vivencias das propias persoas participantes do proxecto.

Ademais, este ano celebraremos os máis de 20 anos de camiño do Foro Galego da Inmigración (FGI). Para iso, temos organizados dous actos para os que desexamos contar coa participación de todas as persoas que xa integraron ou colaboraron co FGI en todo este tempo, ben como coa cidadanía comprometida cos dereitos fundamentais e coa loita contra as fronteiras, as políticas migratorias e o racismo estrutural.

Na xornada de reflexión electoral queremos enviar unha mensaxe clara á clase política: o tecido social migrante e antirracista co apoio de amplos sectores da poboación fixemos o nosos traballo. Agora tócalles a vostedes, señorías! Todos os axentes políticos teñen a responsabilidade de presionar os seus partidos para que se atenda a este exemplo de democracia directa e non desaproveitar esta oportunidade de recoñecer dereitos para máis de 500 mil persoas que residen no territorio español en situación de vulnerabilidade e exclusión.

Programa:

Venres 26 de maio // VIGO

19h Café Uff! Negra Sombra (R/ Pracer, 19) - Faladoiro con Papalaye Seck: “#ILPRegularización: exemplo de participación cidadá liderada por organización migrantes e antirracistas”.

Sábado 27 de maio // COMPOSTELA

11h a 17h Asociación A Troita Armada (R/ do Pombal, 18)

11h a 13h Faladoiro con Papalaye Seck e participantes do FGI: “#ILPRegularización: exemplo de participación cidadá liderada por organización migrantes e antirracistas”.

13h30 Sesión vermú e concerto co grupo Forest Band.

14h15 Xantar comunitario vegano “Saberes e sabores de Senegal”. Achega: 5€ persoas racializadas/migrantes, 6€ xeral, 3€ crianzas. Imprescindíbel inscrición previa

Xantar Comunitario Vegano - Saberes e sabores de Senegal

Durante os actos teremos posto de venda de materiais de Top Manta.

Máis información sobre os actos e o xantar: foroinmigracionsantiago@yahoo.es / 687 368 314 (Mari Fidalgo)

---

Cartaz feito pola compañeira Angy Ferreiro