Vigo, última parada da Escola Social de Verán de Baladre

O mércores 23 de xullo, xa entrada a noite, chegaban a Coia dende Compostela as xentes de Baladre para ir pechando unha semana de formación, de relacións, de estrada, de convivencia...

Nos baixos da parroquia do Cristo da Vitoria artellamos unha deliciosa cea, que precedeu á durmida. O pavillón do colexio Celso Emilio Ferreiro fixo de acougo para as preto de trinta persoas que levaban unha semana de marchas que finalizaban ao día seguinte en Vigo.

A mañá viña cargada de actividade. A partires das 10h00 comezamos co tema: Cadeas e represión. Un compañeiro de Ceivar e outra da campaña Cadea=Tortura presentaron o traballo que están a desenvolver uns no terreo do independentismo galego e outros na denuncia e apoio das persoas que malviven nas cadeas. Uníronse nun faladoiro máis amplo voces e experiencias chegadas de Salamanca, de Canarias... que foron situando estes instrumentos dentro do abano que o capitalismo emprega para facer cumprir a súa (des)orde.

Ás présas tivemos que rematar o intercambio de experiencias e visións tan enriquecedor, xa que ás 12h00 estabamos citadas diante do concello de Vigo pola xente da ODS-Coia que xunto a outros colectivos da cidade convocaran unha concentración polos dereitos sociais. Máis dun cento de persoas renomeamos a antes coñecida como Praza do Rei como Praza dos Dereitos Sociais. Tras berrar entre outras consignas: “Unha persoa, unha vida digna”, “Sempre en paro, nunca paradas” escoitamos a lectura das reivindicacións que a asemblea de colectivos convocantes entregaron tamén por rexistro a Xunta e Concello.

O xantar comunitario o fixemos nos locais da parroquia de Coia. E comezamos a tarde cun pequeno roteiro por este barrio que nos levou ata o parque de A Bouza. Guiados por Emilio e Juan coñecemos as orixes deste barrio obreiro e das súas loitas e resistencias. Como non podía ser doutro xeito rematamos o camiñar no parque de A Bouza, espazo verde que foi salvado do cemento polo tesón e os anos de loita da veciñanza de Coia.

Na carballeira de A Bouza sentamos para falar de: Os nosos barrios, as nosas loitas. Tras un achegamento a como os poderes condicionan as nosas vidas nunhas cidades que só deixan espazo para os cartos (falamos do proceso de xentrificación da zona vella de Vigo) buscamos vieiros polos que fortalecer resistencias, rutas que fagan máis fortes os lazos comunitarios na cotidianidade dos barrios.

E antes de que as primeiras baladrinas colleran camiño de volta para os seus territorios fixemos unha breve recollida do que foron os cinco días de Escola Social en Movemento.

Vémonos nas rúas!

---

Imaxes: https://www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157645501641018/

https://www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157645503245560/