Venres 16 - Manifestación: Xustiza Social. Nin cartos na rotonda, nin estado policial!

Desde a ODS-Coia animamos tamén a participar na manifestación. Deixamos a nota de prensa:

O VENRES 16 de xaneiro a Asemblea Aberta de Coia convoca unha MANIFESTACIÓN baixo o lema: XUSTIZA SOCIAL. NIN CARTOS NA ROTONDA, NIN ESTADO POLICIAL!

Como na anterior manifestación, celebrada o pasado 12 de decembro, sairemos desde a Praza de América ás 20:00 para chegar, logo de percorrer a avenida de Castelao, á rotonda de Coia onde remataremos cunha concentración e coa lectura dun comunicado.

Semella que o alcalde está disposto a empregar toda a forza que ten de man para acalar a resistencia veciñal en contra das obras de instalación do barco. Unhas obras que estiveron paradas até o luns, cando de noite e con forte presenza policial, entraron de novo as máquinas.

O que o seu goberno intenta silenciar é que a nosa loita camiña na procura da Xustiza Social desde a non violencia. Desde o comezo do conflito a represión foi en aumento, ao punto de termos a tres compañeiros imputados por mentiras policiais, termos a persoas violentadas nas actuacións policiais, termos sancións por tocar a bucina...

O que lle doe é que estamos a desvelar publicamente o seu “malgoberno” e tamén o desastre dunhas políticas sociais para a galería, que deixan a moitas persoas da cidade sen luz, sen vivenda, sen alimentos básicos... en definitiva: sen dereitos sociais.

Nesta loita non sobra ninguén! Precisamos de persoas, colectivos, asociacións, entidades deportivas... que fagan posible outra cidade, na que as persoas e as súas necesidades sexan o primeiro.

XUSTIZA SOCIAL. NIN CARTOS NA ROTONDA, NIN ESTADO POLICIAL!

--

email: nonarotonda@gmail.com
facebook: facebook.com/asembleaabertacoia
twitter: @AsembleaDeCoia