O VENRES 12 de decembro a asemblea aberta de Coia convoca unha MANIFESTACIÓN baixo o lema: NON PODE SER, O BARCO NA ROTONDA E AS FAMILIAS SEN COMER!
Sairá desde a Praza de América ás 19:00 para chegar, logo de percorrer a avenida de Castelao, á rotonda de Coia onde remataremos cunha concentración e dando lectura ao manifesto.
O goberno municipal quere chantar o barco “Alfageme” na rotonda de Castelao. Os medios de comunicación falan dun orzamento de 300.000 euros, e parte da veciñanza do barrio decidimos paralizar as obras, xa que rexeitamos de cheo esta inmoralidade do goberno municipal.
Mentres que non hai cartos para as necesidades da xente, e sen consultar con ninguén, queren meter un barco na rotonda de Alcampo, ou proxectan reformar o estadio de Balaidos con cifras desorbitadas.
Consideramos que unha rotonda non é o sitio apropiado para expoñer un ben cultural, sobre todo no caso dun barco, coa súa íntima relación co mar. Por outra banda, denunciamos este gasto insultante cando parte do barrio e da cidade está sufrindo con crueza as consecuencias da crise: desemprego, cortes de luz, despexos...
NON PODE SER, O BARCO NA ROTONDA E AS FAMILIAS SEN COMER!!