Sinalemos aos violentos: sobre a adxudicación das vivendas municipais en Navia

O pasado luns 7 de maio a xerencia de urbanismo do concello de Vigo facía publico o listado provisional de admitidos e excluídos da convocatoria de adxudicación de 28 vivendas en réxime de aluguer de propiedade municipal en Navia.

Esta lista era moi esperada, xa que o prazo de presentación de solicitudes para estas vivendas rematara o 16 de xuño de 2011. En total se sorteaban 28 vivendas en réxime de aluguer con prezos entre os 116 e os 166 €/mes para unidades familiares con ingresos anuais inferiores ao 2,5 do IPREM (igual a 18.527,13 € para unha persoa e co tope de 26.467,34 € no caso das unidades familiares máis numerosas).

O motivo do atraso na publicación do listado, segundo recollía a prensa ao longo do ano, foron os problemas no traspaso da propiedade das vivendas da Xunta ao concello. O alcalde e representantes da Xunta saíron varias veces á palestra facendo declaracións sobre o tema , nun exemplo claro de disputa partidista/institucional.

O concello admitiu 1634 solicitudes, das cales 720 aparecen como admitidas e 914 aparecen no listado de excluídas, tendo ata o día 22 de maio para presentar documentación que emende os requirimentos.
Toda esta información está na web do concello, na prensa ou a poden dar os funcionarios de urbanismo encargados deste sorteo.

De todo isto queremos denunciar varios aspectos da tramitación:

- O atraso da tramitación e polo tanto adxudicación das vivendas, que so responden a problemas políticos que coma sempre pagamos as de sempre.

- Excesivo celo á hora de revisar as solicitudes, o que provocou un elevadísimo número de excluídos aos que se lle require infinidade de documentación. É un exemplo claro de como se constrúe un procedemento administrativo co fin de eliminar candidatos no camiño.

- A obriga de presentar certificado de non ter vivenda en propiedade por cada maior de idade que apareza na solicitude, dito papel custa máis de 10€ por persoa. Este certificado se presenta de xeito redundante xa que unha obriga das bases era estar inscrito no rexistro de demandantes de vivenda da Xunta para o cal cómpre entregar previamente dito certificado.

- Para emendar as solicitudes excluídas hai que entregar a documentación compulsada no rexistro de urbanismo e cobran as compulsas.

Na sociedade do “Gran Hermano” ata o último dato da nosa vida está informatizado e a disposición do poder. Sen embargo esa información non existe ou é inaccesible cando tratamos de materializar algúns dos dereitos que nos quedan, obrigándonos a presentar todo tipo de papeis que nunca abondan.

E todo con datos coma estes:

- 20.000 vivendas baleiras en Vigo

- 300 persoas malvivindo nas rúas

- 591 € prezo medio vivenda en aluguer en Vigo

- 400.000 galegas vivindo baixo o limiar da pobreza

- 23.178 persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda da Xunta

- insuficientes axudas económicas para vivenda

- máis de 38.000 desempregadas en Vigo...

O poder exerce con crueza a violencia sobre nós de múltiples maneiras: burocracía, policía, lexislando, excluíndo, calando... Fronte a isto como di Manolo, compañeiro de Baladre: "Xuntas a calquera parte, soas a ningunha".

 

Coia, maio 2012