É fundamental aclarar que significa ser unha persoa precaria, alén de definicións de dicionario ou academia. Temos que falar de persoas que carecemos de recursos suficientes e estables para estar vivas, para reproducir a vida. Isto implica persoas sen proxectos vitais viables, sen soños posibles, con dúbidas sobre o agora, o dentro dunhas horas e, por suposto, o mañá. Falar de persoas precarias no 2018, non é o mesmo que cando comezamos sendo, alá polos inicios dos anos noventa do século pasado. Daquela descoñecíamos o significado desta palabra cando pasa polos nosos corpos. Viñamos de ser desempregadas e pensabamos que o feito de sermos precarias situábanos fóra da carencia, fóra do non ser, do non ter, en todos os sentidos. Falábannos de que unha precaria en calquera intre era posible deixar de selo. Unha levántase un día e zas! a chamaban para un emprego. Iso si, insistían e insisten na importancia de estar preparadas para ese día, para chegada dese emprego. E para isto tes que estar en permanente formación, coa actitude axeitada para competir con todas e contra todas as precarias do mundo, si do mundo.
Paseniño estas tres décadas de precarización colectiva e precariado, foron dándolle xeito a unhas formas de ser e estar na vida. Fómonos convencendo, soas e illadas de que calquera día tocaríanos ese emprego. E esa chegada, esa posibilidade é o caramelo que nos move e que nos fai ser unha empregada potencial. As nosas amizades e familiares anímannos con insistencia a que nos formemos, a que estudemos para competir en mellor posición no mercado laboral. Consolidan a súa fe e esperanza en nós, por ser da súa estirpe. Esas esperanzas fannos máis dependentes da desexada meta do emprego estable que nunca chega, pero que nos cega no presente e que nos axuda a someternos á dependencia doutras (familia, amizades nalgún caso, parellas ou relacións máis íntimas). Diríase que unha precaria é un proxecto de empregada, que debe saber competir permanentemente, contra todas as demais precarias e até coas xa empregadas, para facerse un oco, o seu oco no mercado laboral. Precariedade é sinónimo de medo, de angustia, de permanente competencia, de illamento, de obsesión e moita enfermidade.
Cando na precariedade nos movemos millóns de persoas en sociedades fracasadas como as actuais, vaise instalando a falla de saúde, aparecen as depresións masivas, a necesidade de tomar pastillas para estar activa, para levantarse e para durmir, para quitar ansiedades e aceptar a tolemia da libre competencia do todas contra todas.
Se o capitalismo e o patriarcado, en si mesmos, son sistemas excluíntes e xeradores de terror, de NON vida. No chamado estadio/momento das sociedades precarizadas e empobrecidas, instálase a DESIGUALDADE, dificultase as relacións, o ser colectivo. A carencia dun ser colectivo íllanos aínda máis e nos enfronta. Por iso é lamentable escoitar e ver as chamadas á preocupación social, de a unha, soas, dando opinións individuais, cumprindo as lóxicas impostas polas institucións da precariedade. Cada vez máis, fomos descubrindo as artimañas da chamada participación individual ou sectorial, sempre cando as institucións (e os poderes que están tras elas) precisan lexitimación, que é o que están faltas/carentes dela. Piden que votemos entre distintos proxectos de pequena dimensión/calado da nos vila/cidade, esta é unha suposta elección envelenada, que só procura que sintas que ti decides decisións absurdas. Pois unha carece do máis básico, do máis necesario para a vida, mentres che poñen diante unha folla/enquisa a decidir sobre os bancos e as arbores a instalar nun ou outro lugar. Até poden xustificar como participación que ducias de veciñas de cidades de centos de miles de habitantes, participen dunha enquisa ou dunha xuntanza. O importante é A SIMULACIÓN DA PARTICIPACIÓN, din opina/participa, eu déixote, pero só naquilo que eles decidiron previamente. De tal xeito que as grandes e importantes decisións fican nas súas constitucións e normas, nos seus plenos de parlamentos e xuntanzas en palcos, con sobres de por medio. Entre empresas e capital, por unha banda, e grandes partidos que xestionan as institucións actuais, pola outra; reparten o pastel, gastan os cartos das aforradoras, nacionalizan todas as perdas da banca e empresas privadas, amasan grandes beneficios dos servizos básicos (luz, auga, educación, sanidade, transporte...) e até dos chamados servizos para xentes empobrecidas e precarizadas.
PARA ELES TODO, PARA NÓS NADA, esa é a realidade que esta detrás da sociedade do precariado. Por isto cómpre rachar o illamento, a soidade, o eu, e comezar a tecer o NÓS, colocar as nosas vidas na relación, para definir a ollada conxunta, o análise/diagnóstico e poder responder xuntas, xa que a verdadeira participación esta fóra das súas institucións. Está no contravir cotián á propiedade de casas e terras por bancos e empresas, esta en conseguir impor, si o reitero: impor o interese colectivo, a mesma vida para todas as persoas. E iso é rachar a precariedade, para camiñar pola Igualdade, a Xustiza, a Redistribución do existente e que é de todas por moito que se apoderaran del, a sangue e fogo, ese 1% xerador de terror e morte (a xente enriquecida). Rachar a precariedade require de ferramentas como a Renda Básica das iguais, a ocupación de pisos e terras deshabitadas, o acceso universal á sanidade, á educación, ao transporte...E sobre todo ir redefinindo que é realmente necesario producir e que é un sin sentido, pois tamén estamos nunha relación moi precaria co medio/a natureza que nos rodea. Non podemos seguir mantendo producións socialmente inútiles e indesexable. E para todo isto, temos que deixar ser partes minúsculas do ser colectivo para ser grupalmente, ese NÓS, que nos coloque fóra do precario, nos instale na vida, participando e relacionándonos desde as nosas necesidades colectivas.
Manolo S. Bayona
--
Fonte: A fondo "Desfacer en común a precariedade" publicado no Sermos Galiza do 19/04/2018