A Renda Básica das iguais como ferramenta de transformación social

A revista Tempos Novos pediunos colaboración. Este artigo: "A Renda Básica das iguais como ferramenta de transformación social" escrito a varias mans foi o que fomos quen de facer:

Vivimos nunha situación de emerxencia social. As cifras do desastre soan coma unha ladaíña. Mais non podemos esquecer que, tras a obxectividade dos datos, estes representan persoas que: acumulan facturas sen pagar, hipotecas ou alugueiros que non poden asumir; observan con impotencia como non son quen de alimentar os seus fillos axeitadamente; descobren novas formas de miseria ‒impensábeis nestes tempos no primeiro mundo‒, como é a chamada pobreza enerxética (sen luz, sen auga) e descobren tamén novas formas de exclusión nunha sociedade que fala de democratizarse vía internet e móbiles de quinta xeración. Estas persoas teñen que acostumarse agora a malvivir da caridade duns servizos sociais en recorte (por razóns de estado, polos mercados, por orde da troika... Ninguén quere asumir as culpas).

O empobrecemento no que cada día viven máis persoas vai ligado á necesidade de acumulación dunha minoría insaciábel que, cegada pola seu devezo, vai arrebatando o pouco que tiñamos (xa sexan estes dereitos básicos, salarios ou servizos públicos). Por iso, fronte ao “non hai cartos” que escoitamos sempre ante as reivindicacións máis básicas e razoábeis, esiximos a repartición da riqueza; riqueza que é de todas porque a xeramos como sociedade.

Ante o cansazo de agardar polas migallas en forma de RISGA ou PNC, ante a fartura de sufrir a súa violencia, ante a carraxe da súa cobiza..., cada vez en máis territorios están xurdindo respostas colectivas e desde abaixo. As loitas pola vivenda das Plataformas de Afectados pola Hipoteca, os campamentos Dignidade de Estremadura ou as Mareas na defensa dos Servizos Públicos son exemplos de que xuntas “Si, se pode”.

As xentes de Baladre (Coordinación de loitas contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social) levamos moitos anos andando eses camiños. Un percorrido no que defendemos a proposta da Renda Básica das iguais (RBis): dereito de toda persoa a percibir unha contía periódica para cubrir as necesidades básicas. Un dereito que sería: individual (non familiar); universal (non contributivo e para todas); incondicional (independente do nivel de ingresos e do mercado de traballo) e cuxa contía ha de ser polo menos igual ao limiar da pobreza. Ademais, unha parte da RBis percibirase en man e outra iría a un fondo no que colectivamente decidiríase o seu uso.

Entendemos que esta é unha proposta máis ‒unida ao resto de loitas sindicais, sociais,  ecoloxistas ou feministas‒, que desde o rexeitamento ao sistema capitalista, busca ser unha ferramenta para redistribuír a riqueza e transformar a sociedade desde abaixo e colectivamente. A RBis esixe que poñamos os corpos na rúa e a intelixencia a funcionar e crear, xa que a loita polo dereito a vivir dignamente e a construción doutra sociedade non vai ser sinxela.

Como diciamos máis arriba, si que podemos e ademais debemos; por iso cómpre lembrar palabras que son de todas: Xuntas a calquera parte, soas a ningunha!