Graciñas ao convite da xente do Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns o venres 22 de febreiro estaremos en Marín presentando o estudo de viabilidade da renda básica das iguais. Así presentan o acto no seu blog:
O Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns presentará o vindeiro venres 22 de febreiro a partir das 20h na biblioteca de Marín o libro “Repartindo a nosa riqueza”, publicación que saíu á luz o pasado mes de decembro e que expón os resultados do estudo da viabilidade da implantación da Renda Básica das Iguais en Galiza (RBis).
A Renda Básica das Iguais consiste no dereito que ten cada persoa a percibir periodicamente uns ingresos que lle permita cubrir as súas necesidades e que ha de percibirse de xeito individual; universal e incondicional e cuxa contía económica sexa, polo mínimo, igual ao limiar de pobreza. As vías para acadar os ingresos necesarios para implantación deste dereito consisten na re-asignación do gasto público e na reforma do sistema fiscal.
Segundo os últimos datos do IGE, ao remate do 2012, seis de cada dez fogares galegos recoñecían pasar enormes dificultades para chegar a fin de mes, por iso este libro que xa foi presentado en diversas cidades e vilas galegas a finais do mes de xaneiro busca xerar un debate sobre a utilidade desta ferramenta á hora de dar resposta á precarización que afoga cada vez a máis persoas e a gravísima situación de exclusión na que se atopan outras moitas. Unha proposta por unha vida con dignidade e igualdade.
Desde o Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns convidamos a toda a cidadanía a acudir a esta presentación, na que contaremos coa presenza de Diego Lores da Oficina de Dereitos Sociais de Coia, e coñecer máis polo miúdo esta proposta que persegue a curto prazo redistribuír a riqueza e a longo prazo rachar co sistema capitalista.