A prensa comeza a facerse eco dos retrasos e da mala organización dos servizos sociais públicos que están a quedar de manifesto ante o aumento de persoas que acoden a estes servizos para buscar solucións aos problemas provocados polo sistema agudizados aínda máis pola crise económica.
Os orzamentos non chegan, deixando claro que a atención e o recoñecemento dos dereitos dos máis empobrecidos non están nas primeiras páxinas das axendas políticas (artigo Público).
No ámbito local isto toma corpo nos retrasos que levamos anunciando dende hai tempo na tramitación de prestacións tan básicas como a RISGA e as AES, nas que o retraso medio está ao redor dos seis meses (artigo Faro de Vigo). Seguimos dicindo que estas prestacións son insuficientes, pero parécenos moi grave que as administracións públicas deixen en mans de institucións privadas a resposta aos nosos problemas. Un exemplo claro destas políticas a estamos a sufrir en Vigo coa loita pola apertura dun albergue público para os sen teito, ata o momento nin Xunta nin Concello foron capaces de abrir un edificio en condicións para os centos de persoas que malviven nas rúas das cidade e que tan so teñen como recurso albergues privados nos que se coñecen abusos a estas persoas.