Pedimos defensa aos valedores polo mal funcionamento dos servizos sociais

Maña, xoves 6, estaremos no concello de Vigo dende as 11h30 para entregar colectivamente un escrito dirixido a: Valedor do Cidadán, Valedor do Pobo e Defensor del Pueblo. Con este documento queremos deixar constancia do mal funcionamento dos servizos sociais no referido ás axudas de emerxencia municipais.

Agardamos a vosa presenza no acto de entrega e posterior concentración. Temos dereito a vivir con dignidade!

AO VALEDOR DO CIDADÁN DE VIGO / VALEDOR DO POBO / DEFENSOR DEL PUEBLO

_________________, con DNI: ____________, e domicilio a efectos de notificación en r/ Baiona, 9, 36209, de Vigo, na miña condición de membro da Oficina de Dereitos Sociais de Coia e da Parroquia Cristo da Victoria de Coia, perante este comisionado comparezo e, como mellor proceda,

EXPOÑO

Que é intención dos referidos colectivos, aos que neste acto represento, interpoñer por medio do presente escrito formal QUEIXA contra o Concello de Vigo, baseada nas seguintes

ALEGACIÓNS

PRIMEIRA-. Temos comprobado que o funcionamento da Concellería de Políticas de Benestar Social do Concello de Vigo afástase do que debería de ser o desenvolvemento real e efectivo de auténticas políticas de benestar social, tanto no referido ao funcionamento formal dos Servizos Sociais de atención primaria (UTS), como no tocante á contía dos fondos orzamentarios e fins para os que se destinan os mesmos.

Efectivamente, do traballo diario coas persoas máis empobrecidas do noso contorno temos advertido que os responsables en políticas sociais deste Concello están a incumprir de maneira reiterada e flagrante a lexislación aplicable ao efecto, provocando que a centos de persoas da nosa cidade se lles neguen os recursos públicos que por dereito e xustiza lles pertencen, quedando desatendidas e deliberadamente esquecidas na súa precaria situación.

O Concello de Vigo ten articulado un Programa de Axudas para situacións de Emerxencia Social, aprobado por Xunta de Goberno Local do 28/12/2012, no que se autoriza o gasto de 445.000 € para esta partida.

Segundo dispoñen as bases reguladoras, estas axudas teñen por fin: “Apoiar a aquelas persoas, familias ou colectivos que carecen de recursos económicos para afrontar as necesidades básicas en relación á alimentación, aloxamento provisional, transporte ou calquera situación que poida supoñer un factor de marxinalidade ou risco de exclusión social”.

Non obstante, a absoluta insuficiencia do orzamento e as estritas limitacións de ingresos esixidos para a súa concesión, están a impedir na práctica a consecución destes obxectivos, revelándose as Axudas de Emerxencia Municipais (AEM) como completamente ineficaces para dar resposta á grave situación de precariedade económica da cidadanía  e combater o seu crecente empobrecemento.

Ademais, a ausencia dun protocolo que respecte o procedemento administrativo legal e regulamentariamente establecido está a provocar que a moitas persoas que en principio terían dereito a ditas axudas se lles negue mesmo a posibilidade de solicitalas.

A todo isto é necesario engadir, tal e como temos denunciado reiteradamente:

a) A opacidade coa que se presentan estes recursos á cidadanía. Percibimos unha falla de información sobre as axudas existentes, prazos de solicitude, recursos doutras Administracións e requisitos de acceso, de xeito que en moitas ocasións as persoas que acoden aos Servizos Sociais deste Concello saen sen ter atopado solución algunha aos seus problemas.

b) As irregularidades e ilegalidades cometidas polo Departamento de Benestar Social no tocante á tramitación destas axudas.

-. Aínda que a base sétima das Bases Reguladoras das axudas sinalan como competentes para a recepción das solicitudes ás Traballadoras Sociais, na práctica totalidade dos casos se veta a posibilidade de entregar unha copia selada da solicitude da axuda feita pola Traballadora Social de referencia (obriga de toda administración pública imposta polo artigo 70 da Lei 30/92), remitindo á persoa que esixe tal constatación documental ao Rexistro Xeral do Concello, coa conseguinte demora que isto supón na tramitación dunha axuda que pretende dar resposta a un caso de emerxencia social.

Non obstante, temos algún caso contado no que a Traballadora Social si entrega un certificado de que esa axuda se está a tramitar. Polo tanto, a inseguridade xurídica e a discriminación no trato resulta indiscutible.

O feito de non permitir que se recolla unha solicitude por escrito, con constancia do contido e da data de presentación, está a infrinxir o disposto no artigo 70 da Lei 30/92 que establece para todo tipo de procedemento administrativo: “Das solicitudes, comunicacións e escritos que presenten os interesados nas oficinas da Administración, poderán estes esixir o correspondente recibo que acredite a data de presentación, admitíndose como tal unha copia na que figure a data de presentación anotada pola oficina.”

E o artigo 35. c) da mesma lei dispón: “A obter copia selada dos documentos que presenten, aportándoa xunto cos orixinais, así como á devolución de estes”.

-. As resolucións sobre as axudas comunícanse verbalmente pola Traballadora Social, que non fai máis que trasladar ao interesado a decisión da Comisión de Valoración. Non hai resolución por escrito, non hai notificación fehaciente, non hai motivación nin advertencia sobre o prazo e órgano de recursos…
Isto inculca de raíz o disposto na lexislación xeral sobre procedemento administrativo:

-. O artigo 53 sinala que os actos administrativos que diten as Administracións Públicas produciranse polo órgano competente axustándose ao procedemento establecido.

-. O artigo 59 establece que a notificación dos actos administrativos practicaranse por calquera medio que permita ter constancia da recepción polo interesado, así como a data, a identidade e o contido do acto notificado. Nos procedementos iniciados a solicitude do interesado, a notificación se practicará no lugar que este tivera sinalado a tal efecto na solicitude.

-. O artigo 89 sinala que as resolucións dos procedementos conterán a decisión, que será motivada. Expresarán, ademais, os recursos que contra a mesma procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que teña que presentarse e prazo para interpoñelos.

E o que é aínda máis grave, infrinxe claramente o disposto nas bases reguladoras das Axudas de Emerxencia Municipal que establecen que o órgano competente para resolver é a Concelleira de Benestar Social e, por tanto, a que ten que asinar as resolucións das solicitudes das axudas.

-. Dificúltase o acceso ao expediente persoal das persoas solicitantes, de xeito que nos atopamos con persoas ás que non se lles permite o acceso físico a ese expediente e se lles entrega, tras previo pago de case 40 euros, unha serie de documentación sen foliar, como copia do mesmo.

SEGUNDA-. Todo o anterior, especialmente o que ten que ver coa necesidade de establecer para as Axudas de Emerxencia Municipais un protocolo que respecte o procedemento administrativo legal e regulamentariamente establecido, o temos exposto unha e outra vez aos responsables dos Servizos Sociais do Concello de Vigo sen que teñan dado resposta satisfactoria algunha que veña a dar solución a esta situación de indefensión da cidadanía máis empobrecida.

Por iso estamos a entregar no Rexistro do Concello solicitudes individuais dirixidas ao Alcalde de Vigo, como último responsable das políticas sociais municipais, nas que a persoa asinante informa do seu caso particular e esixe a inmediata intervención do alcalde para solucionar o caso exposto, así como que se estableza dunha vez por todas un protocolo que posibilite a presentación por escrito nas UTS das solicitudes das AEM mediante formulario normalizado conservando unha copia selada, sen que isto supoña demora algunha na tramitación dunha axuda que, por responder a unha situación de emerxencia social, ha de ser inmediata.

Apórtase copia das solicitudes entregadas no Rexistro.

TERCEIRA-. Todo o anterior exponse ante esta institución co fin de denunciar a forma de proceder por parte do Concello de Vigo, a través das UTS, que consideramos que supón unha clara vulneración dos dereitos fundamentais das persoas que se achegan á administración competente en busca dunha solución xusta á súa situación de emerxencia social.

Polo exposto,

SOLICITO:

Que tendo por presentado este escrito, cos documentos que se achegan, os admita e no seu oportuno mérito, teña por presentada formal queixa contra o Concello de Vigo polo funcionamento arbitrario e inxusto dos Servizos Sociais no tocante ás Axudas de Emerxencia Municipais xestionadas a través das UTS.

Vigo, 6 de febreiro de 2014

Baladre

Nosotras las Personas

Asociación Contra a Exclusión Social Alambique

Renta Básica das iguais