O concello pecha un piso de inserción para mulleres sen fogar

Hai unhas semanas dende o concello anunciaban a apertura de dous dispositivos para atender as necesidades das persoas sen fogar. A concellería de Benestar Social (BNG) anunciaba a apertura, ata o mes de marzo, do dispositivo temporal contra o frío no pavillón de O Berbés. Ao mesmo tempo o alcalde de Vigo (PSOE) comunicaba que a antiga Escola de Hostelería funcionaría como albergue provisional mentres proseguen as xestións para atoparlle unha ubicación definitiva, que pode ser a antiga cadea da avenida de Madrid.

Estes anuncio se fixeron con gran rebumbio, ao que os medios responderon colocando as novas nas primeiras páxinas, incluíndo unha visita ás instalacións do pavillón de O Berbés para que toda a cidadanía comprobara o ben que a cidade trata aos sen teito.

O que non se dixo eses días é que o concello pechou o 15 de decembro un dos dous pisos de transición á vida autónoma que funcionaban en Vigo a través dun programa municipal xestionado por unha fundación. Durante o 2010 eses pisos estiveron ocupados por persoas que viñan de vivir na rúa -un para homes e outro para mulleres- e que servían como camiño para tratar de alcanzar unha vida independente. No intre do peche había dúas mulleres residindo nel, que estaban en pleno proceso educativo e de intervención social e que tiveron que marchar a unha pensión.

A medida deixa de novo en grave risco a estas mulleres e anula a posibilidade a outras que estaban a piques de entrar provocando unha situación de desigualdade e marxinación que non se pode permitir. Consideramos que temos aquí un novo exemplo da incompetencia e irresponsabilidade da nosa clase política, obrigando a padecer ás persoas máis vulnerables as consecuencias dun sistema que enriquece a unha minoría xerando pobreza e miseria para o resto.

Non queremos esquecer agora que os anos de denuncia e loita de grupos como o IMÁN pola mellora das condicións de vida das máis empobrecidas polo sistema capitalista son exemplos de dignidade en medio do desinterese. Esa loita, e non as decisións propagandísticas da clase política, conseguiron chegar á cidadanía que comezan a pedir solucións en forma de manifestacións, concentracións, escritos...

Por iso da noxo e vergoña observar aos políticos pórse medallas neste tema, mentres pola traseira pechan un recurso moi necesario baixo a escusa dos problemas de orzamento que non existen para facer auditorios, subvencionar voos para unha élite, facer aparcadoiros soterrados que quedan baleiros, etc. O problema das persoas sen fogar non está so en non ter un albergue, tamén está nas longas esperas e morea de dificultades para acceder a prestacións sociais básicas como a RISGA a PNC, na precariedade do mercado de traballo, na insuficiencia de recursos para as persoas dependentes, na imposibildade de acceder a un teito a un prezo asequible e nun longo etcétera.

 

ODS-Coia | Vigo, decembro 2010