Manifesto moratoria aos cortes de subministracións

Máis de 3.000 organizacións e movementos sociais quixemos expresar a importancia do acceso aos servizos básicos de auga, luz e gas, e esiximos ao Goberno do Estado a recuperación da moratoria de cortes en pleno estado de alarma e pandemia mundial a través dun manifesto.

Precisamente esta semana facíanse públicos os datos do incremento exponencial dos beneficiarios do bono social. Desde abril do 2018 ata abril de 2020 pasouse de 449.267 fogares acollidos (para as organizacións asinantes “unha cifra ridícula”) a 1.311.662, é dicir, un 191% máis de beneficiarios. Pero desde abril de 2020, coa nova vía de acceso ao bono social, houbo máis de 200 fogares novos ao día acollidos a esta medida. Estas cifras non fan máis que poñer sobre a mesa o considerable aumento de familias en situación de pobreza enerxética por mor da pandemia.

Durante este mes de outubro as persoas e familias que non puideron facer fronte ás facturas mentres estaba en vigor a moratoria empezaron a recibir cartas de aviso de corte por parte das empresas de subministracións básicas. Esta situación está a xerar unha angustia enorme e un desamparo total nas persoas en situación de vulnerabilidade.

As organizacións asinantes reclamamos ao executivo de Pedro Sánchez que, ata que non se estableza de maneira efectiva o principio de precaución na lexislación española en materia de pobreza enerxética, prorróguese de forma indefinida a prohibición de cortes no ámbito doméstico.

Declaramos: “Non deixar a ninguén atrás significa garantir as subministracións a todas as persoas e a todas as familias en plena pandemia. Non hai vivenda digna sen subministracións. Esiximos feitos e dereitos, non meras palabras.”

O manifesto rexistrouse no Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Vicepresidencia de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ministerio de Fomento e Defensor do Pobo. Este non é máis que o primeiro paso para esixir unha resposta contundente por parte do goberno para frear os cortes de auga, luz e gas no Estado español. As organizacións seguiremos planeando accións ata que se tomen medidas valentes que prioricen os intereses das persoas por encima dos beneficios destas grandes empresas.

Deixamos o manifesto neste enlace: https://pobresaenergetica.es/wp-content/uploads/2020/11/ManifiestoMorato...