O Concello de Vigo deixa sen praza no albergue a beneficiarias de prestacións sociais

Hai tempo que o albergue municipal de Marqués de Valterra, xestionado por Cruz Vermella, está cuestionado por gran parte da veciñanza da cidade. Persoas e colectivos, como Acampada contra a Pobreza ou Os Ninguéns, levan meses denunciando o mal funcionamento deste centro que ofrece 40 prazas para persoas sen fogar.

Esta mañá fomos coñecedoras de que o regulamento do albergue provoca que persoas en situación de rúa perceptoras de “esmolas sociais” como a RISGA ou Pensións Non Contributivas, as cales malviven con 400€ ao mes, non poden permanecer máis de 10 días no albergue municipal. Para elas, segundo o concello este non é o seu recurso. Con ditas faragullas teñen que ir ao mercado para alugar unha vivenda ou habitación. Malia que no albergue queden prazas baleiras -reproducimos as verbas dunha profesional do CIIES- aquelas que teñan ingresos por riba do 70% do IPREM non poderán durmir neste centro municipal agás aquelas situacións concretas que valoren as profesionais.

Feitos, que afectadas e colectivos locais, denunciaron a través de numerosos escritos presentados no rexistro municipal. O silencio polo momento foi a resposta da nova concelleira e do alcalde. Mentres os responsables políticos calan as afectadas trasladan que axentes da policía local informan que a xente da Acampada contra a pobreza pode dar acubillo, nas tendas da praza do Rei, a aquelas que ficaron sen praza en Marqués de Valterra.

Alucinamos cuns feitos que falan con claridade das miserentas políticas sociais deste goberno municipal. Algunhas temos claro que os problemas de acceso a unha vivenda digna non o van resolver os servizos sociais. Mentres deixemos este dereito en mans do mercado seguiremos a padecer despexos, xente vivindo en infravivendas e veciñas malvivindo nas rúas. Porén iso non quita para que mentres pulamos por políticas que garantan o dereito a unha vivenda digna os servizos sociais non teñan os recursos precisos para dar resposta ás necesidades destas veciñas.

Ante esta situación chamamos a todas aquelas a nós organizar e loitar por conquistar que todas teñamos dereitos a unha vivenda digna.

21 de outubro 2019

ODS-Coia