A banca gaña por riba das nosas posibilidades

Iniciamos tomando emprestadas as verbas de Àngels unha das catro protagonistas de “Lecura fácil” recomendable novela de Cristina Molares:

“Pero no fue una cosa.
Fueron cuatro:

1) La primera cosa que nos dijo fue que el gobierno
me iba a pagar una pensión.

Gobierno son los políticos que salen en la tele
o que dan el pregón en las fiestas.

Pensión significa que te dan dinero todos los meses
pero para dártelo tienes que abrirte
una cuenta en el banco.

Cuenta en el banco significa
que el gobierno le da el dinero al banco
y después el banco te lo da a ti.

Abrimos la cuenta en el mismo banco
que se había quedado con mi casa
y con la casa de las prostitutas
porque era el único banco de Arcuelamora”.

RISGA, PNC ou RAI son siglas que agochan diferentes modalidades de “esmolas sociais”. Todas ao redor de catrocentos euros ao mes. Únicos ingresos para moitas. Cartos cos que malvivir -no mellor dos casos- tras superar: meses de agarda, requisitos imposibles de cumprir ou duros controis das diferentes administracións.

Non cansamos de repetir que a inxustiza e a desigualdade nas que se asenta o capitalismo, non se resolven con máis e mellores prestacións. As saídas pasan por irmos ao miolo: a repartición da riqueza. Xentes de Baladre levamos décadas dando a coñecer, reflexionando en colectivo e sobre todo loitando pola Renda Básica das iguais (RBis), un dereito desde o cal construír de xeito comunitario vidas dignas para todas.

Mais neste texto non imos falar das características da RBis nin das súas posibilidades como ferramenta ao servizo da construción de comunidades que superen as (i)lóxicas do capitalismo e do heteropatriarcado. Xuntamos letras para denunciar os abusos da banca, que abusan sempre e máis daquelas que menos temos.

Hai uns meses denunciabamos os embargos ilegais a persoas que cobraban a RISGA. Lembrabamos que as prestacións por baixo do Salario Mínimo Interprofesional son inembargables. Non é que as entidades descoñezan esta norma, mais a banca abusa retirando os escasos euros que entran en moitos fogares.

Semanas atrás a prensa dáballe pulo a unha nova medida do goberno, segundo contaban desde o poder, para dar resposta á “exclusión financeira”. En 2014 a Unión Europea aprobaba unha directiva pola que se creaban as contas de pagamento básica. Con cinco anos de atraso, a norma entrou en vigor o pasado 25 de marzo.

Animamos a todas aquelas persoas con baixos ingresos que se presenten nas oficinas das entidades na procura de información sobre estas contas. Adiantamos que as respostas serán ter que acreditar cunha morea de documentación as nosas penurias e todo para conseguir unhas condicións semellantes ás que xa temos.

No que levamos de curso pasaron moitas veciñas polo punto dando conta dos abusos da banca: comisións abusivas por ficar a conta en números vermellos, embargos da RISGA, xuros elevadísimos por adiantos de pequenas contías... e fronte a isto o que propoñen e simular que fan algo. O obxectivo é consolidar o seu poder e aumentar aínda máis a súa conta de beneficios.

Na veciña Portugal o “Rendimento Social de Inserção”, prestación semellante á RISGA, pódese cobrar nas oficinas de correos. Exemplos coma este amosan vieiros para poder vivir ao marxe da banca. Moitas temos claro que os bancos sobran nas nosas vidas. Non queremos bancos mellores, queremos vivir sen eles. Para iso precisamos organizarnos na procura de forzas que nos permitan crear vida alén do capitalismo.

Coia, xuño de 2019

ODS-Coia