Abanca castiga con comisións á clientela empobrecida

Hoxe Abanca saca peito presentando os datos exercicio de 2018. Os seus beneficios ascenderon en 2018 até os 430 millóns de euros, un 17,3% máis que no ano anterior [1]. A entidade, herdeira das antigas caixas de aforros galegas, rescatada cos cartos de todas foi mercada por capital estranxeiro en 2013. Dende esa data nos petos de Juan Carlos Escotet, o seu propietario, non paran de entrar cartos [2].

Oficinas “cuquis”, unha chea de cartos gastados en “moderna” publicidade non son quen que borrar os miles de despidos, o peche de centos de oficinas, aniquilación da obra social e unha política comercial moi dura cos colectivos máis vulnerables.

Hai un tempo denunciabamos que Abanca estaba a facer embargos a persoas que cobraban prestacións por baixo do Salario Mínimo Interprofesional [2]. Onte coñecemos unha nova práctica abusiva da entidade. Acudiron, este luns, ao punto de información uns veciños coa cartilla de Abanca na man. Trátase dunha parella que cobra a RISGA e que vive coas súas fillas nunha vivenda que teñen que desaloxar. Viñan asustados e alporizados, xa que no pasado mes de decembro Abanca retiroulles polo concepto de comisións: 230 € en tan só tres días.

Comisións de 35€ por deixar a conta en descuberto, é dicir, por deixar o saldo da conta en cero. Da igual que retiraran 30, 50 ou 100 €. Cada vez que deixaban a conta en descuberto a entidade cobraba unha comisión de 35€. Abuso, usura... o vocabulario non é quen de explicar a carraxe provocada por esta práctica.

Nos últimos tempos, coincidindo coa reforma do sistema bancario que pagamos todas, aparece o concepto de “Exclusión Financeira” definido como “incapacidad de acceder a los servicios financieros básicos de una forma adecuada. Puede surgir como resultado de problemas en el acceso, las condiciones, los precios, el marketing o la autoexclusión en respuesta a diferentes experiencias o intuiciones negativas” (Sinclair, 2001).

Fronte a esta realidade, fronte aos abusos da banca non imos ficar cos brazos cruzados, están as nosas vidas en xogo. Organicémonos para buscar saídas a este sistema que cada día argalla novas formas para seguir medrando, sen pensar nas vítimas e na dor que provocan os seus movementos.

Coia, 30 febreiro 2019

-

[1] https://comunicacion.abanca.com/gl/noticias/resultados-2018-abanca-gana-...

[2] https://www.sermosgaliza.gal/articulo/economia/abanca-ganou-430-millons-...

[3] http://odscoia.arkipelagos.net/os-bancos-incumpren-lei-ao-embargar-prest...