Dentro da campaña galega "Fagamos da RISGA un verdadeiro dereito" organizamos a presentación do libro: "Si no hubiera privilegios, no habría miserias". Será o venres 14 de xuño a partires das 20:30 no centro social "A Revolta do Berbés" (rúa Real 12, Vigo) e no acto contaremos con Manolo S. Bayona un dos coordinadores do libro e membro de Baladre (Coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social).
O libro, do que haberá exemplares á venta por 13€, recolle o traballo e reflexións da primeira edición da Escola de Acción Social Crítica e Transformadora celebrada hai un ano en Zaragoza. Este material trata de ser unha ferramenta para, desde a denuncia das funcións de regulamento e control que o poder atribue á Acción Social e en concreto ao Traballo Social, situarnos, ante a necesidade de construír mediante o troco de experiencias novos saberes e coñecementos que poidan resultar útiles para a construción de novas formas de practicar a emancipación social e transitar cara outras formas de vivir en sociedades máis xustas, libres e igualitarias.