Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, e ante a vindeira aprobación definitiva pola Xunta de Galicia do decreto da RISGA, organizacións sociais e políticas de Galicia convocamos roldas de prensa informativas simultáneas en tres cidades para presentar a campaña "Fagamos da RISGA un verdadeiro dereito". Compostela, A Coruña e Vigo foron os puntos onde celebramos roldas de prensa simultáneas diante das dependencias da Xunta de Galicia.
Logo de presentar a campaña fíxose un reparto de folletos informativos á cidadanía nas rúas destas tres cidades, como primeira das actividades que se prolongaran nos vindeiros meses:
- Campaña de difusión nas Redes Sociais: a cal incorporará unha temática, das catro xerais do folleto, de difusión mensual.
- Contactos cos concellos das principais cidades de Galicia: para difundir cartaz e folletos da campaña nos centros de Servizos Sociais e para achegar a campaña directamente a profesionais e persoas afectadas.
- Charlas informativas abertas á cidadanía nas principais cidades: con participación dunha profesional cualificada dos Servizos Sociais, dunha persoa perceptora ou ex/perceptora da RISGA para contar a súa experiencia e dunha persoa da campaña. Coincidindo con esta actividade prevista para o mes de xaneiro, haberá novas difusións de folletos informativos a cidadanía.
A previsión da aprobación definitiva do Decreto da RISGA por parte da Xunta da Galicia entre finais do presente ano 2018 e comezos do 2019, determinará as vindeiras actividades da campaña, que continuará ante a clara insuficiencia da última proposta presentada pola administración autonómica, que entendemos será a definitiva, tendo en conta ademais que a Xunta negouse a debater a mesma con este amplo grupo de organizacións sociais e políticas.
A campaña pretende presentar ao conxunto da sociedade a necesidade de converter a RISGA, no vixente contexto de crecemento da desigualdade e a inxustiza, nun verdareiro dereito para o conxunto da cidadanía, incidindo na defensa dun modelo de RISGA cando menos como:
- Dereito cidadá e non subsidio condicionado. Fronte ás políticas de recortes e privatización dos servizos públicos básicos (educación, sanidade, vivenda, pensións…) reclamamos a protección dos servizos sociais como garantes da igualdade social nunha sociedade que segue a xerar desigualdades e sistemas de emprobrecemento xeneralizados. Reclamamos o noso dereito como cidadanía a un sistema de protección social galego inclusivo, garantista e que serva para xerar as estruturas básicas da igualdade social.
- Recurso fronte a situación de empobrecemento. A falta de recursos económicos derivada do desigual acceso á riqueza está a converternos nunha sociedade estruturalmente empobrecida onde a pobreza é condición na vida da meirande parte da poboación que nos encontramos sumidas en situacións de empobrecemento enerxético, laboral, de acceso á vivenda... Defendemos un sistema de protección social que atenda ás circunstancias de necesidade económica e empobrecemento da poboación de forma garantista e sen condicións subxectivas.
- Prestación suficiente e digna. Propoñemos a consideración de empobrecemento segundo a referencia do salario mínimo interprofesional fronte a valoración actual do IPREM de contía moi insuficiente para a satisfacción das necesidades básicas. Entendemos que non é posible satisfacer as necesidades básicas (alimentación, vivenda e gastos derivados da vida cotiá) de forma suficiente e digna cunha prestación actual de RISGA que non supón máis que o 75% do IPREM (403,38 euros/mensuais).
- Modelo de tramitación accesible e eficaz. Defendemos un modelo de RISGA eficiente e áxil, sen burocratizacións innecesarias, co obxecto de que cumpra o seu cometido na maior brevidade posible ás necesidades económicas de emerxencia non se poden paliar con tempos de tramitación que exceden os catro e seis meses.
Organizacións asinantes do acordo colectivo de esixencia de garantías básicas no relativo ao proxecto de desenvolvemento da LEI 10/2013, do 27 de novembro, de Inclusión Social de Galicia, no relativo á tramitación da Renda de Inclusión Social de Galicia e das Axudas de Inclusión: Foro Galego de Inmigración, Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), Asociación ONG Viraventos, Proserso, SOS Racismo, Oficina de Dereitos Sociais de Coia (Vigo), Asociación Boa Vida, Asociación Plataforma Polo Emprego, Baladre (Coordinación contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social), Colectivo de Renda Básica Universal de Compostela, Coordenadora de Crentes Galegos, Esquerda Unida, BNG, Compostela Aberta, En Marea, PsdG-PSOE e CUT.