Con sancións e control social non se poden mellorar as políticas sociais

Achegamos un novo exemplo da noxenta política social da Xunta. Hai unhas semanas unha veciña de Teis, recibía unha carta na que a Consellería de Política Social notificáballe que ficaba sen RISGA, é dicir, sen 399’38 € que supuñan os seus únicos ingresos mensuais.

Aínda por riba de ficar sen ingresos era sancionada pola administración autonómica cun ano sen poder solicitar de novo a RISGA e a devolver 4.792’56 € que lle serán restadas cando volva a ter dereito a dita prestación.

Explicamos polo miúdo. No encabezado da carta que recibiu aparecía: “Notificación por extinción”. Isto significa que durante 12 meses non pode obter de novo a RISGA. Un ano de penalización ao que haberá que sumar as demoras na tramitación desta faragulla, que no Concello de Vigo soen supor outro ano máis de agarda para cobrar esta esmola.

Segundo a Xunta a extinción ven motivada polo feito de que “a beneficiaria ocultou e falseou datos ou realizou unha actividade fraudulenta dirixida a obter ou conservar a prestación económica”. A muller descoñecía que ter algo máis de 8.000 € na conta, con orixe nunha herdanza familiar, era causa de extinción.

Á retirada da RISGA (durante aproximadamente dous anos) hai que engadir a sanción e as demoras na tramitación, pero aquí non remata o conto. A muller ten que devolver case 5.000 € por cobros indebidos que lle serán descontados no caso de ter novamente acceso á RISGA (xa que segundo a Xunta perdeu o dereito a percibir a RISGA durante todo un ano: do 01/06/2016 ao 31/05/2017, aínda que esa circunstancia non se lle notifica ate xullo do 2017). Os atrasos nos trámites de revisión da prestación e a falla de información sobre as esixencias do cobro da prestación orixinaron que durante un ano, sempre segundo a consellería, percibira esta faragulla sen cumprir os requisitos.

Énchenos de carraxe ler resolucións coma esta, nas que ollamos e sufrimos a violencia do catálogo de políticas miserentas.

Fronte ás súas faragullas esiximos dereitos sociais para todas! A renda básica das iguais xunto a outras ferramentas poden nos axudar a facermos real o berro: VIVIR DIGNAMENTE É UN DEREITO PARA TODAS.

Coia, setembro 2017

ODS-Coia